Skip to main content

Os Premios San Cidre 2016 distinguen o proxecto dunha industria de venda e transformación de pequenos froitos en Castroverde

Enxeñeiros agrónomos premiados e autoridades, na Casa do Saber de Lugo
Enxeñeiros agrónomos premiados e autoridades, na Casa do Saber de Lugo
Mar Torrón Ramos recolleu este xoves o galardón outorgado polo Colexio de Agrónomos, que tamén recoñeceu os traballos presentados por Martín Lebón e Alejandro Martiñán

O proxecto titulado ‘Explotación de pequenos froitos para a venda en fresco e elaboración industrial en Castroverde’, presentado na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC pola enxeñeira agrónoma María del Mar Torrón Ramos, vén de ser distinguido co primeiro premio Fin de Carreira San Cidre 2016, un galardón dotado con 1.000 euros en metálico, ademais de diploma acreditativo, no marco da convocatoria anual, a través da que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia distingue a calidade dos mellores proxectos de fin de carreira presentados polos enxeñeiros/as agrónomos/as titulados na USC entre xuño de 2015 e febreiro de 2016 .

A cerimonia de entrega dos Premios San Cidre 2016, unha sesión celebrada este xoves no auditorio da Casa do Saber de Lugo, serviu tamén para conmemorar a festividade de San Cidre, patrón dos enxeñeiros agrónomos e para recoñecer a calidade dos proxectos presentados por Alejandro Martiñán Búa e Martín Lebón Santos, que mereceron cadanseu accésit. Estes dous enxeñeiros agrónomos egresados da USC recibiron como agasallo un diploma acreditativo, ademais de gozar da inscrición gratuíta no colexio durante un ano, unha vantaxe coa que tamén foi agasallado a autora do mellor proxecto. O xurado encargado de fallar os Premios San Cidre 2016, que destacou a alta calidade técnica dos nove traballos presentados á última convocatoria de galardóns feita polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, emitiu a súa decisión tras unha análise comparativa de todos os proxectos, estudos técnicos e temas de investigación presentados. Daquela, o tribunal acordou por unanimidade distinguir o proxecto presentado por Torrón Ramos por tratarse dunha proposta que reflicte un ciclo produtivo pechado no que se integran tanto planeamentos de produción de froitos como a súa posterior transformación industrial, un proceso que implica valor engadido. O traballo presentado por Martín Lebón Santos co título ‘Proxecto para a construción dunha industria conserveira con proceso de 5.000 Tn/ano de peixe no polígono industrial de Xove (Lugo)’, mereceu o segundo premio, segundo argúe o ditame do xurado, por contemplar a integración de principios de sustentabilidade, emprego de enerxías renovables e tamén pola magnitude económica da industria conserveira deseñada. Asemade, o tribunal tamén valorou e recoñeceu co terceiro premio, a proposta de aproveitamento dun antigo matadoiro en Cambre para unha nova actividade de adega nunha comarca que intenta recuperar o cultivo tradicional de viñedo realizada polo enxeñeiro agrónomo Alejandro Martiñán Búa. Desenvolvemento da cerimonia O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, foi o encargado de presidir a sesión institucional desenvolvida no auditorio da Casa do Saber e na que tamén participaron o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro Calaza Martínez; o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta; a secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon, así como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo. O acto protocolario de entrega de premios e imposición de insignias aos enxeñeiros agrónomos titulados nas dúas últimas convocatorias comezou cun relatorio baixo o título ‘A práctica profesional do enxeñeiro agrónomo: experiencia, retos e oportunidades’, a cargo de Pedro Calaza, quen alentou na súa intervención aos novos enxeñeiros agrónomos a emprender con ánimo e actitude positiva a súa actividade profesional. Unha vez rematada esta intervención, Juan Valladares Alonso, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, ofreceu o relatorio ‘O Lúpulo. Aspectos agronómicos do cultivo na Galicia Atlántica’. A entrega dos Premios Fin de Carreira San Cidre 2016 aos galardoados, e de diplomas e insignias aos novos enxeñeiros agrónomos egresados da Escola Politécnica Superior da USC servirán de colofón dunha cerimonia na que tamén participaron profesores e investigadores do centro universitario lugués.

The contents of this page were updated on 05.19.2016.