Skip to main content

Premian a USC pola súa contribución ao estudo do perfil emprendedor do alumnado

José Manuel Rebolo, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, recolleu o premio en nome da USC
José Manuel Rebolo, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, recolleu o premio en nome da USC
Recoñecen a súa participación no Observatorio do Emprendemento Universitario

A Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa de Cantabria, recibiu a pasada semana un premio pola súa achega ao traballo do Observatorio do Emprendemento Universitario, unha iniciativa para monitorizar a evolución do perfil emprendedor do estudantado universitario español. Os premios, de 2.000 euros cada un, entregáronse en Madrid no marco da presentación do Informe GEM España 2015, e as universidades destinaranos a apoiar iniciativas emprendedoras de carácter social.

Os galardóns recoñecen o compromiso e participación activa das dúas universidades no estudo do perfil emprendedor do alumnado universitario español que elabora con carácter bianual o Observatorio e que se estende tamén a algunhas universidades portuguesas e latinoamericanas. A investigación analiza ademais a evolución na intención emprendedora do estudantado ao longo da súa formación na universidade, a súa actitude cara ao emprendemento e a percepción das súas capacidades para emprender.

A primeira edición está xa na súa fase final e presentará resultados este ano. Lideran o estudo un equipo da Rede Española de Equipos Rexionais Global Entrepreneurship Monitor (RedGEM), que se encarga de analizar o sistema universitario español, e outro da Universitat de Barcelona para o resto de universidades non españolas.

O Observatorio do Emprendemento é un proxecto promovido pola rede iberoamericana das universidades emprendedoras RedEmprendia, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e a Fundación da Universidade de Cantabria para o Estudo e a Investigación do Sector Financeiro (UCEIF). Colaboran ademais o Centro Internacional Santander Emprendimiento e a RedGEM.

The contents of this page were updated on 05.16.2016.