A Andaina Lingüística en Inglés celebrarase este venres cun percorrido de dez quilómetros
Este venres 20 remata o prazo para inscribirse na Andaina Lingüística en Inglés, organizada conxuntamente polo Servizo de Deportes e o Centro de Linguas Modernas e deseñada tomando en consideracións as achegas e opinións de todas aquelas persoas que participaron dunha enquisa específica.
A saída está programada para este mesmo venres ás 17.00 horas dende a Biblioteca Concepción Arenal. O grupo percorrerá un total de 10 quilómetros nos que visitarán o Paxonal, as brañas do Sar, Belvís, Bonaval, Almáciga, San Caetano, Ponte Mantible, Fermín Bouza Brey e Alexandre Bóveda, Burgo das Nacións, Parque da Música, Vista Alegre e Galeras.
As Andainas Lingüísticas están deseñadas para fomentar o contacto entre persoas de nacionalidades e culturas distintas unidas polo seu interese no estudo dunha lingua estranxeira, na mellora das súas destrezas orais nesa lingua e o seu desexo de compartir experiencias, aprender e axudar a aprender aos demais. Paralelamente, estes encontros fóra da aula promoven a práctica dunha actividade saudable mediante excursións a pé coñecendo lugares de interese do contorno e promover valores de respecto e tolerancia.