A USC tratará nun curso do 16 ao 18 de xuño en Ribadeo os retos da agricultura e a alimentación ante o cambio climático

Os retos da agricultura e a alimentación ante o proceso de cambio climático centrará a temática das distintas sesións programadas no curso ‘ A agricultura e a alimentación ante o cambio climático. Unha ollada agroecolóxica’, un dos programas incluídos na Universidade de Verán da USC e cuxas sesións previstas se desenvolverán do 16 ao 18 de xuño nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) ‘Pedro Murias’ de Ribadeo.
Estruturado en 25 horas de formación, este curso de verán dirixido por Xan Neira Seijo e José Luis Fernández, pretende ofrecer unha panorámica xenérica sobre o horizonte de incertezas na agricultura e a alimentación, ao tempo que convida a coñecer e reflexionar sobre as posibilidades da agricultura ecolóxica ante do reto do cambio climático. Os planos de desenvolvemento rural 2014-2020 impulsados pola Xunta de Galicia, a adaptación das institucións de ensino agrario ante os novos escenarios na agricultura e alimentación e o cometido da economía verde no desenvolvemento sostible,constitúen outros asuntos que se tratarán no marco deste foro. A programación do curso inclúe asemade a celebración de diversos obradoiros sobre elaboración de escenarios de futuro para a agricultura e alimentación, tecnoloxía de elaboración de produtos lácteos, ademais dunha visita a Taramundi. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.