Filoloxía acolle a presentación dun volume coa tradución ao galego de tratados do latino Ovidio
O Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá este xoves 26 a presentación do libro Arte de amar. Remedios do amor de Ovidio, que recolle dous tratados do autor latino traducido ao galego. Na presentación, a partir das 19.00 horas, intervirán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a vicedecana de Filoloxía, María do Cebreiro Rábade; o técnico de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco; o editor Moisés Barcia; e a tradutora do volume Lucía Gómez Fariña.
Esta é unha produción editorial agrupada na colección Vétera da editorial Rinoceronte en cuxas próximas entregas colaborarán o profesor Virxilio García Trabazo e as profesoras Amelia Pereiro e Teresa Amado, pertencentes ao grupo de investigación de Estudos Clásicos e Medievais da USC.