Skip to main content

O Observatorio Astronómico da USC consegue fotografar o planeta Mercurio ao seu paso por diante do Sol

Mercurio pasando por diante do disco solar este luns 9 ás 14.37 horas. Foto: Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Mercurio pasando por diante do disco solar este luns 9 ás 14.37 horas. Foto: Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Trátase dun acontecemento singular que unicamente sucede, de media, trece veces en todo o século

A pesar das condicións meteorolóxicas adversas deste luns, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC conseguíu este mediodía fotografar o planeta Mercurio no seu tránsito por diante do disco solar, un fenómeno que, como media, se produce 13 veces por século.

O primeiro tránsito de Mercurio do pasado século fora seguido dende Lalín en 1907 por Ramón María Aller Ulloa, facendo logo unha pormenorizada descrición do suceso nun texto que permaneceu inédito ata 2013, data na que foi publicado de xeito facsimilar no número 12 do anuario Descubrindo.

O profesor Docobo, director do Observatorio, explica que, no pasado, os tránsitos foron moi útiles para axudar a determinar as dimensións do Sistema Solar. Na actualidade, a súa observación noutras estrelas é unha das técnicas que máis planetas extrasolares ten permitido descubrir.

Os tránsitos do planeta máis próximo ao Sol prodúcense a intervalos de 3.5, 7, 9.5, 10 e 13 anos. Outra das súas particularidades é o paso ante a estrela só se produce preto dos días 8 e 9 de maio e 10 e 11 de novembro, datas en que Mercurio atravesa o plano da Elíptica. O propio Docobo indica que se as órbitas de Mercurio e Venus fosen coplanarias coa da Terra (a Elíptica) “ poderiamos contemplar 3 tránsitos de Mercurio ao ano, pero a órbita deste último está inclinada 7º respecto á Elíptica e iso fai que o suceso se converta en pouco usual”. Logo deste luns, este tránsito non se volverá producir ata 2019.

Advertencia
Como xa ten advertido o profesor Docobo, “o único método seguro para seguir o tránsito é proxectar a imaxe do Sol sobre unha pantalla, nunca mirando cara a el directamente”.

The contents of this page were updated on 05.09.2016.