Skip to main content

A mostra xacobea ‘Galicia, casa dos peregrinos’ pon en valor en Fonseca o patrimonio do Camiño

A inauguración celebrouse este luns en Fonseca. Foto: Santi Alvite
A inauguración celebrouse este luns en Fonseca. Foto: Santi Alvite

O Colexio de Fonseca da USC retratará o Camiño de Santiago na mostra ‘Galicia, casa dos peregrinos’, unha produción que organiza o Plan Xacobeo e Xunta de Galicia coa colaboración da USC e que poderá visitarse ata o 29 de xuño con entrada gratuíta en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas. O acto inaugural presidido pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, contou coa participación da directora xeral de Turismo, Mª Nava Castro Domínguez; do concelleiro compostelán Jorge Duarte Vázquez; do dean da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; do xerente da SA de Xestión do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; do comisario da mostra, Francisco Singul; os vicerreitores da USC, Roberto López López e Almudena Hospido; e a concelleira Pepa Castro.

Esta mostra, organizada co gallo da celebración en 2016 do Xubileo Extraordinario da Misericordia, está estruturada en 8 bloques ou áreas temáticas, a través das que se pretende resaltar de xeito diacrónico a recuperación e valorización do Camiño de Santiago e dos seus valores universais nos últimos 25 anos. Como se pon de manifesto nesta exposición, o Camiño de Santiago “ forma parte esencial da cultura occidental e da identidade galega”.

O percorrido polo material expositivo profunda nas particularidades do plan de recuperación e promoción desenvolvido nos últimos 25 anos e que “supuxo identificar e sinalar rutas, reactivar a tradición hospitalaria” cunha rede de albergues públicos, así como rehabilitar edificios históricos, obras de arte e incentivar os estudos xacobeos. O seu desenvolvemento e execución permite afirmar a súa vixencia ademais de permitir potenciar os vínculos con outras asociacións de amigos do Camiño, con outros itinerarios culturais europeos e con outras rutas de peregrinación.

Dentro do material expositivo atópase tamén unha produción audiovisual de Manuel Valcárcel na que se trae ao primeiro plano as distintas rutas do Camiño e o importante patrimonio arquitectónico que se atopa ao seu redor: os mosteiros e igrexas, e as distintas épocas artísticas nas que se teñan datado, as pontes ou a propia Catedral de Santiago, así como outras pezas singulares como os petos de ánimas.

Esta é unha produción que organiza o Plan Xacobeo e Xunta de Galicia coa colaboración da USC. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 05.02.2016.