Skip to main content

A USC e o Ceesg colaboran na organización da IV Invernada de Cine de Xermade, que arranca o sábado coa proxección de ‘Vida’

Programación da IV Invernada de Cine de Xermade
Programación da IV Invernada de Cine de Xermade
O programa desta iniciativa, promovida pola asociación de veciños de Cabreiros e o Concello xermadés, inclúe cinco sesións con producións audiovisuais feitas en Galicia

A IV Invernada de Cine de Xermade, unha iniciativa cultural promovida pola asociación de veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade, en colaboración coa USC e o Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia (Cessg) arranca este sábado, a partir das 17.30 horas, coa proxección na antiga escola de Cabreiros da curtametraxe ‘Vida’, dirixida por Rubén Rois, e trala que se poderá visualizar o documental ‘Máis ca vida’.

O programa da cuarta edición da Invernada de Cine de Xermade inclúe cinco sesións, unha máis das celebradas en anos anteriores, e continuará o 12 de novembro coa proxección de ‘A chave de Bascuas’, unha curta inspirada nunha lenda de Guitiriz. O 26 de novembro celebrarase unha nova edición do concurso de vídeos ‘Queremos Escachar coa Risa’, unha cita coordinada por María Carballo e Laura Cabarcos para a que se admiten propostas e que repartirá tres premios, designados por votación popular. As curtas ‘Osito de peluche 3’ e ‘Tienes un móvil’, de Roberto Lolo, centrarán a sesión de cine programada para o 3 de decembro. A IV Invernada de Cine de Xermade chegará ao seu remate o 10 de decembro co espectáculo ‘Moito conto’, a cargo da actriz, dramaturga e narradora oral Ana Carreira.

The contents of this page were updated on 10.27.2016.