Skip to main content

O Cetur da USC elaborou o Plan Estratéxico de Turismo de Lalín

O Cetur da USC elaborou o Plan Estratéxico de Turismo de Lalín
O Cetur da USC elaborou o Plan Estratéxico de Turismo de Lalín

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur) da USC presentou recentemente en Lalín o Plan Estratéxico de Turismo que o concello do Deza lle encargara para establecer as liñas básicas que potencien a súa actividade turística.

Nesa presentación, os autores do estudo Miguel Pazos –director do Cetur– e Mateo Varela subliñaron a idea de que a comarca do Deza sexa o marco territorial no que se sitúe Lalín como destino turístico de interior. “Falamos de Lalín como a capital turística e de servizos para todos os visitantes do Deza, se ben deben crearse sinerxías entre Lalín e o resto dos municipios dezáns”, matizaron.

Os investigadores da USC apostan ademais por potenciar unha imaxe de marca baseada nunha paisaxe rural de calidade e produtos agroalimentarios de excelencia. Así, ao pulo da Festa do Cocido súmanlle a reactivación do proxecto do Museo da Paisaxe para transformalo nun auténtico Ecomuseo das Paisaxes de Lalín e a promoción de Zobra como un espazo de turismo de montaña a unha distancia asequible dos principais núcleos urbanos do Eixo Urbano Atlaatico.

Algunhas das outras catorce medidas que o centro de estudos da USC propón na estratexia turística do Concello de Lalín serían mellorar a presenza web do turismo en Lalín e apostar decididamente pola promoción turística na web 2.0 e nas redes sociais ou informatizar a recollida de datos do perfil da demanda turística.

O Cetur
Estudar os aspectos económicos, sociais, territoriais e ambientais do turismo nos planos local, galego, estatal e internacional é o principal obxectivo do Cetur, centro propio da USC no que tamén participan os Concellos de Santiago de Compostela e de Lugo, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Empresarios de Hostalería e Restauración de Santiago e comarca e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo.

The contents of this page were updated on 05.12.2016.