Skip to main content

O Campus Terra da USC crea material e métodos de formación en liña sobre manexo e virus da vide con centros de Francia e Italia

Cristina Cabaleiro, entre outras dúas investigadoras do proxecto Pathogen, na Ribeira Sacra
Cristina Cabaleiro, entre outras dúas investigadoras do proxecto Pathogen, na Ribeira Sacra
O grupo Viticultura e Sanidade Vexetal da USC guía en Lugo unha sesión de traballo cos demais socios do proxecto europeo Pathogen, financiado con máis de 450.000 euros

O grupo de investigación da USC Viticultura e Sanidade Vexetal de Galicia desenvolve en colaboración con Feuga e outros catro socios de Francia e Italia un programa de formación en liña orientado a mellorar o coñecemento e a xestión das viroses das vides no marco do proxecto europeo Pathogen. Esta iniciativa de carácter transnacional, que conta cun financiamento de máis de 450.000 euros, rematará a mediados de 2018 coa apertura e posta en marcha dunha plataforma de e-learning que ofrecerá módulos formativos sobre manexo e xestión das viroses das vides en español, francés, inglés e italiano.

A elaboración e deseño dos diferentes programas de formativos que se ofrecerán a través da plataforma en liña do proxecto Pathogen centra na actualidade o traballo de todos os investigadores involucrados neste proxecto, a través do que a Unión Europea pretende reducir as perdas e os danos que cada ano provocan as viroses na produción vitivinícola. Daquela, mellorar o coñecemento e a formación de todos os actores involucrados no sector (viticultores, asesores, consultores, viveiristas...) e fomentar a sensibilización e concienciación sobre esta problemática, constitúen dúas da premisas desta iniciativa, segundo indiciou a coordinadora do proxecto Pathogen na USC, a profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, Cristina Cabaleiro. A formación que ofertará no futuro a plataforma en liña Pathogen está estruturada en tres niveis: básico, avanzado e formadores e contempla diversos módulos temáticos. Os niveis básicos e avanzado inclúen unha introdución aos virus máis importantes, así como información relativa ás principais vías e formas de transmisión, métodos de detección máis comúns e outras cuestións de carácter legal. O nivel avanzado inclúe ademais dous módulos máis sobre enfermidades víricas emerxentes e perspectivas de investigación na xestión dos virus. O nivel de formadores estará centrado na formación de profesores ou instrutores que, unha vez concluído o desenvolvemento do proxecto Pathogen poderán ensinar a formación recibida ou outros cursos específicos relacionados a outros profesionais ou actores tamén involucrados no sector vitivinícola. Socios Os socios participantes neste proxecto europeo (Instituto Francés da Vide e do Viño; Centro de Investigación Aplicada para a Viticultura e Horta, unha spin off da Universidade Católica do Sacro Cuore, (Italia), ademais de Feuga e USC) veñen de protagonizar unha sesión de traballo no Campus Terra da USC, onde logo de avanzar no deseño dos contidos incluídos nos diferentes módulos de formación, tamén participaron nunha visita de campo á Ribeira Sacra. O tamén profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS e integrante do grupo Viticultura e Sanidade Vexetal, Julián García Berrios, foi o encargado de guiar esta visita de campo, durante a que os participantes puideron coñecer as singularidades que presenta esta zona de viñedos de Galicia, así como algunha das viroses que sufre. Cabaleiro e García sinalaron que os virus máis xeneralizados en Galicia e tamén no resto das rexións vitivinícolas europeas son o Entrenudo corto e o Enrolado da vide. Non se tratra de virus letais, pero a súa incidencia é persistente e continuada no tempo, o que fai que aumente a gravidade da súa incidencia. Daquela, á prevención destas viroses e a adopción de medidas de control para evitar a súa transmisión ou propagación son de vital de importancia, salientan estes investigadores da USC. Reuníón de traballo do proxecto Pathogen na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo

The contents of this page were updated on 10.24.2016.