Skip to main content

Remata o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Remata o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’
Remata o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Seis colexios de Compostela participaron estas últimas semanas no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’, organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e na que colabora co Concello de Santiago. A actividade ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

Este venres 7 no CEIP Pío XII desenvolverase o último obradoiro, Buscando estrelas, impartido pola profesora de Astronomía da USC Josefina Ling ás 12:20 horas, e que contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez, e da concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois González.

19 obradoiros
O programa consistiu en obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 5º e 6º de primaria de seis colexios públicos nos que se amosou a relación da ciencia e da tecnoloxía coa nosa vida cotiá e serviron para achegar o alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. As encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da USC e do CESGA, referentes femininos que sirvan de modelos a nenas e adolescentes para motivalas nos estudos relacionados con estas disciplinas e caracterizados por un baixo porcentaxe de alumnas.

Desde o 26 de setembro desenvolvéronse un total de 19 obradoiros nos CEIP Lamas de Abade, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Pío XII e Vite I. As temáticas foron moi variadas: programación, superordenadores, física divertida, xogando coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras cuestións.

The contents of this page were updated on 10.06.2016.