Skip to main content

Presentación do libro homenaxe a Eugenio Montero Ríos no centenario do seu pasamento

O libro Eugenio Montero Ríos . Homenaxe da cidade de Santiago de Compostela no centenario do seu pasamento: 1914-2014 pecha o ciclo de actos organizados conxuntamente pola USC, o Ateneo de Santiago, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación e o Colexio de Avogados de Santiago, coa colaboración do Concello compostelán e a Deputación da Coruña. O ciclo ‘Eugenio Montero Ríos: a Compostela do seu tempo’ desenvolveuse no bienio 2014-2015 co fin de honrar e poñer en valor a figura de quen está considerado como un dos xuristas e políticos máis significativos do seu tempo.

O acto de presentación do volume conmemorativo presídeo o reitor Juan Viaño a partir das 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, coa presenza do alcalde da cidade, Martiño Noriega; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o vicepresidente do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla; o vicepresidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago, José Luis Rodríguez; o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País, Juan B. de la Salle; e o decano do Colexio compostelán de Avogados, Evaristo Nogueira.

No limiar da obra, Xosé Ramón Pousa debuxa unha serie de trazos que contextualizan a relevancia do homenaxeado. Eugenio Montero Ríos “pragmático e liberal, é moito máis que o impulsor das grandes reformas legais de fins do século XIX, que asentaron as bases da sociedade civil coa creación do Rexistro Civil. A lei do Matrimonio Civil e a propia Lei Penal que, con poucas variacións, continúan vixente. A súa oratoria, non exenta de demagoxia decimonónica, enche as mellores páxinas dos libros de sesións do Senado e as súas intervencións, mesmo sobre o Tratado de París, do que foi protagonista recollen unha visión autocrítica sobre a colonización de América, inédita na España traumatizada pola perda de Cuba e Filipinas”.

Como se sinala neste novo libro, a pertinencia deste conxunto de actos arredor de Montero Ríos xustifícase na pretensión de reler a súa vida a súa obra, destacando que “a Compostela actual non se entende sen a figura intelectual e política deste persoeiro que modernizou gran parte da lexislación española e marcou a primeira separación entre a Igrexa e o Estado”.

No plano biográfico, o limiar preséntao como un “compostelán, de orixe humilde, nado na rúa dos Xasmíns e asentado finalmente no ‘paraíso’ que el mesmo construíu en Lourizán, tivo unha vida política longa, asentada nunha sólida formación intelectual, como catedrático de Dereito e case toda a vida en Madrid, na práctica profesional e na mentalidade modernizadora que se fixo palpable en Compostela dende o impulso á Primeira Gran Exposición Rexional ata a transformación das grandes infraestruturas e o apoio a unha universidade que se moderniza con novas titulacións e edificios”. Tamén destaca Xosé Ramón Pousa como esta publicación é “a culminación do esforzo cidadán” alentado polas cinco entidades e institucións promotoras do ciclo.

The contents of this page were updated on 10.04.2016.