Skip to main content

O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ tratará o ocio inclusivo e as posibilidades das artes escénicas na educación

O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ tratará o ocio inclusivo e as posibilidades das artes escénicas na educación
O Foro ‘Ler o mundo hoxe...’ tratará o ocio inclusivo e as posibilidades das artes escénicas na educación

Logo de debater sobre os deberes escolares ou sobre a lectura como ocio e recreación, o Foro de reflexión e debate ‘Ler o mundo hoxe...’ pecha o seu primeiro ciclo de análise falando sobre o valor da lectura como forma de ocio inclusivo e sobre a incidencia das artes escénicas na educación. Este mércores 5 no Centro Sociocultural de Santa Marta a partir das 16.30 horas, Aurora Madariaga, do Instituto de Estudos do Ocio da Universidade de Deusto, pronunciará o relatorio ‘ Educar para un ocio inclusivo: o valor da lectura’. Deseguido terá lugar un Teatro Foro no que o director da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Manuel F. Vieites, aludirá ás artes escénicas na educación e a lectura inclusiva. Ambas actividades son abertas e gratuítas ata completar aforo para todas as persoas interesadas.

Co obxecto de fomentar as prácticas lectoras no seo da comunidade universitaria e na sociedade en xeral, o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA_Interea) organiza ‘Ler o mundo hoxe...’ Esta é unha iniciativa que, nas distintas sesións programadas ata finais de ano, proporá diversos debates en relación a cuestións como educación, xénero, perspectiva cidadá ou medio ambiente. SEPA_Interea está recoñecido como grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego e está coordinado polo profesor José Antonio Caride.

O Foro conta coa colaboración e co financiamento do Consello Social da USC, a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), así como do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Foro ten como principal obxectivo “promover e desenvolver unha proposta formativa que –tendo a lectura como eixo central– posibilite miradas e interpretacións plurais sobre as realidades socioambientais no local-global, que fortalezan o compromiso cívico e democrático da comunidade universitaria e dos seus vínculos coa sociedade que a contorna”.

Ao longo do mes de outubro as actividades de ‘Ler o mundo hoxe...’ continuará para desenvolverse en clave de equidade de xénero (días 19 e 26 de outubro), mentres que en novembro será dende a perspectiva da cidadanía e participación (días, 3, 9 e 16) e en decembro en clave de sustentabilidade ambiental: (días 1 e 14).

O foro
A proposta integra catro lecturas do mundo dende unha perspectiva multidisciplinar e tres actividades transversais. As lecturas converxen con catro das liñas de investigación do grupo: os tempos educativos e sociais, a equidade de xénero, a construción da cidadanía nos procesos de participación social e a sustentabilidade ambiental. Pola súa banda, as actividades transversais concrétanse nun concurso de microrrelatos, un concurso de ideas para fomentar o hábito lector na Universidade, así como na celebración do Día Internacional da Lectura Universitaria que celebra a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), da que a USC forma parte, e que coincide co 29 de abril de 2017.

Na web do grupo http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/ e no facebook https://es-la.facebook.com/sepa.interea/ pódese consultar o programa desta iniciativa, a desenvolver entre os meses de setembro de 2016 e maio de 2017, en diferentes espazos e equipamentos de Compostela, Lugo e Rianxo para compartir coloquios, diálogos, música, teatro e literatura nas súas diferentes modalidades (narrativa, poesía, ensaio, ...). O equipo de coordinación deste Foro está integrado polos profesores da USC José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Pablo Meira e Laura Varela, aos que se engade o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña, membro da Comisión Directiva da RIUL en representación das Universidades galegas.

The contents of this page were updated on 10.04.2016.