Skip to main content

O catedrático Guillermo Rojo presentou no Instituto Cervantes o Corpus de aprendices de español

Desde a dereita, Guillermo Rojo, Álvaro García Santa-Cecilia, Víctor García de la Concha e Julio Martínez Mesanza (Foto: Instituto Cervantes)
Desde a dereita, Guillermo Rojo, Álvaro García Santa-Cecilia, Víctor García de la Concha e Julio Martínez Mesanza (Foto: Instituto Cervantes)
Elaborado pola USC a iniciativa do Cervantes, o CAES contribuirá a mellorar a aprendizaxe do español en todo o mundo

O catedrático de Lingüística Española da USC Guillermo Rojo e o director do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, presentaron este venres na sede do Instituto en Madrid o Corpus de Aprendices de Español (CAES), unha ferramenta informática de acceso libre para a ensinanza do español como lingua estranxeira deseñada e desenvolvida integramente por un equipo da Universidade de Santiago. Na presentación participaron tamén o director académico do Cervantes, Julio Martínez Mesanza; e o responsable do departamento de Ordenación e proxectos académicos, Álvaro García Santa-Cecilia. García de la Concha destacou no acto o traballo de Guillermo Rojo, que deseñou e desenvolveu esta investigación e cuxa labor de informatización da Real Academia Española permitiu a creación dos sucesivos corpus desa institución: o CORDE (Corpus Diacrónico del Español), o CREA (Corpus de Referencia del Español Actual) e o CORPES (Corpus del Español). O CAES permitirá aos profesionais realizar investigacións aplicadas baseadas en datos obxectivos e proporcionaralles información sobre dificultades de aprendizaxe, erros máis comúns ou vocabulario empregado que se poderá aplicar nas aulas ou integrar nos métodos de ensinanza. Mostras de 28 centros do mundo Un corpus é un conxunto de textos en formato electrónico reunidos nunha aplicación informática para facilitar o estudo da lingua ou variedade lingüística da que eses textos foron extraídos. Un 'corpus de aprendices', como o CAES, contén textos producidos por persoas que están aprendendo outra lingua; neste caso miles de mostras de textos producidos por 1.423 estudantes de español con diferentes grados de dominio lingüístico. Na súa versión actual, comprende case 575.000 elementos lingüísticos froito da recollida de mostras en 28 centros de todo o mundo desde outubro de 2011 ata setembro de 2013. A información pode consultarse a través dunha aplicación de fácil manexo que permite seleccionar os datos segundo os parámetros utilizados na configuración do corpus: nivel adquirido de coñecemento de español, lingua familiar, país de residencia, idade e sexo.

The contents of this page were updated on 02.13.2015.