Skip to main content

Xesús Ron, Premio Nacional de Teatro co grupo Chévere, guía este mércores as conversas do CulturaLab do Museo de Lugo

A sesión, na que se abordará o emprendemento do eido da cultura, é aberta ao público interesado na temática e desenvolverase a partir das 19.00 horas

As conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC chegan este mércores 18 de febreiro, a partir das 19.00 horas, á súa terceira sesión no Museo Provincial de Lugo, onde Xesús Ron, do grupo Chévere, que vén de recibir o Premio Nacional de Teatro, guiará unha sesión aberta que versará sobre o emprendemento no eido da cultura.

Xesús Ron, distinguido co Premio Nacional de Teatro co grupo Chévere “pola súa coherente traxectoria de creación colectiva baseada na transgresión de xéneros e tamén pola súa vertente humorística e de participación, sempre conectada coa realidade social e económica”, segundo sinalou o xurado, guiará a conversa en torno á idea do emprendemento e de como é posible emprender proxectos culturais dende a independencia á hora da creación. As dificultades as que se enfrontaron, así como as oportunidades que gozaron marcarán a conversa, que pretende converterse nun lugar de encontro a carón do concepto do emprendemento. Nun momento como o actual, no que o desemprego supera ao 20% da poboación, o emprendemento supón unha oportunidade para moitas persoas, mais este non está exento de dificultades. Superar a visión idílica deste proceso é un dos obxectivos do encontro, pero á vez quere chamar a atención sobre a posibilidade de poder emprender e de como transcorrido o tempo, o traballo, feito con paixón, ten a súa recompensa, ben sexa a través de premios ou do propio recoñecemento da poboación. Neste senso, Xesús Ron fará fincapé no último galardón recibido polo grupo Chévere, O Nacional de Teatro, un premio que recoñece o traballo desenvolvido e impulsado por esta formación na sala NASA en Compostela durante os máis de 20 anos que leva en activo este colectivo. As Conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC son uns encontros innovadores xurdidos a iniciativa dos promotores deste posgrao da USC que pretenden abrir o propio máster ao conxunto da cidadanía, reivindicando as conversas como metodoloxías de aprendizaxe. Este proxecto constitúe ademais un marcado compromiso do propio máster de achegarse á cidadanía e xerar lugares de encontro no que debater o papel da cultura na contemporaneidade. Do mesmo xeito que as sesións anteriores, a terceira xornada das conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC está aberta á cidadanía e a todo o público interesado, razón pola que se convida a todas as persoas interesadas en participar neste espazo innovador que ten lugar todos os mércores de febreiro. A próxima sesión contarase coa participación de Man Hauser, do Alga-Lab, con quen se abordará a cuestión do dixital e como está a mudar as relacións sociais e a propia cultura.

The contents of this page were updated on 02.17.2015.