A USC mantén aberta a inscrición para o segundo campionato do mundo de modelado 3D de precisión con teléfono móbil

O grupo de investigación USCAN3D da USC vén de abrir o prazo de inscrición para a segunda edición do campionato internacional de modelado 3D de precisión con teléfono móbil D3Mobile Metrology World League 2015, un innovador certame dirixido a escolares nados en 1997, 1998 e 1999 de centros educativos de todo o mundo.
O período de inscrición nesta edición da D3Mobile Metrology World League 2015, unha iniciativa pioneira que pretende potenciar as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián entre os máis novos como é o teléfono móbil, permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de marzo de 2015, tal e como se establecen las bases deste certame, que unha vez máis volve contar co co patrocinio e a colaboración de diversas entidades públicas e privadas, entre as que cómpre subliñar a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Razóns e estrutura da competición O profesor da USC e director do proxecto, Juan Ortiz, explica que as razóns que motivaron e impulsaron a creación e posta en marcha deste proxecto atópanse no feito de que os modelos 3D de precisión empréganse continuamente en ámbitos tan próximos á cultura xuvenil como o son o cine, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos. “A mocidade sorprenderase das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para a realización de modelos de este tipo, así como do fácil que resulta facelos e do rápido que conseguen resultados mentres se divirten”, sinala o profesor Ortiz Sanz. Os participantes que formalicen a súa inscrición na D3Mobile Metrology World League 2015 deberán organizarse en grupos de 2-4 persoas e buscar o apoio dun docente. Os estudantes inscritos aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, no seu propio ordenador e cun software fotogramétrico libre: “A habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que nunhas horas adquiran as destrezas necesarias para participar no campionato”, explican os responsables do certame. A competición, que se desenvolverá completamente en liña a través da rede, consistirá en coñecer que equipo é capaz de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual, e contempla premios para os mellores traballos. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica a través dun instrumento tan preciso e familiar para eles como é o seu teléfono móbil”, indica Juan Ortiz. Novidades da convocatoria A D3Mobile Metrology World League 2015 inclúe nesta nova convocatoria distintas novidades, como o son as dúas categorías nas que poderán participar as persoas inscritas no certame. Daquel, esta edición presenta a categoría ‘D3Mobile Art’, orientada a entusiastas do modelado 3D que non queiran preocuparse da calidade métrica, e ‘D3Mobile Ano da Biotecnoloxía en España’, pensada para difundir a biotecnoloxía entre os estudantes preuniversitarios deste país. O período de inscrición neste certame permanecerá aberto ata o 5 de marzo. Ata o mes de abril irán desenvolvéndose as probas, e durante o mes de maio poderanse votar os traballos presentados, un proceso participación que tamén se desenvolverá en liña a través da páxina web http://www.d3mobile.es, onde tamén se pode atopar cumprida información sobre este campionato mundial de modelado 3D de precisión con teléfono móbil. En xuño daranse a coñecer os resultados. Patrocinadores A D3Mobile Metrology World League 2015 constitúe un proxecto pioneiro da USC que nesta nova edición conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía e Competencia, Centro Español de Metroloxía (CEM) e do Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG). Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Fundación Vodafone España e Educabarrie da Fundación Barrié, entre outras institucións públicas e privadas, españolas e estranxeiras, tamén se atopan entre os patrocinadores da iniciativa.