O seminario ‘O manexo do solo e a fertilidade na agricultura ecolóxica’ preséntase este mércores no Ibader
O vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica e profesor na Escola Politécnica Superior (EPS), Xan Neira Seijo; a directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Elvira López Mosquera, e o consultor agroecolóxico Carlos Brea Pallares, presentarán este mércores 4 de febreiro, ás 10.00 horas, na aula Luciano Sánchez García do Ibader, o seminario ‘O manexo do solo e a fertilidade na agricultura ecolóxica’, que se desenvolverá o venres e o sábado na sala de xuntas da EPS.
A deputada provincial responsable da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, tamén participarán na presentación desta actividade formativa, a través da que os distintos relatores convidados afondarán sobre cuestións relacionadas coa fertilidade dos solos. As persoas interesadas en participar neste seminario, organizado pola USC e a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), poderán formalizar a súa inscrición ao longo da xornada do mércores a través da páxina web www.agroecologia.net/seminario-lugo-2015/.