Skip to main content

A artista multimedia Beka Iglesias abre este mércores no Museo os faladoiros do CulturaLab do máster en Servizos Culturais

A sesión, dirixida a estudantes de posgrao, pero aberta a todo o público, afondará nas tecnoloxías de información libre e nas ferramentas actualmente dispoñibles

A artista multimedia e co-impulsora do proxecto adtlantida.tv Beka Iglesias abrirá este mércores, a partir das 19.00 horas, no Museo Provincial de Lugo, o ciclo de conversas do CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC. Esta iniciativa que se encadra no espazo experimental aberto no máster en Servizos Culturais co CulturaLab, pretende reivindicar a conserva como unha forma máis de aprendizaxe.

A sesión inicial deste programa de faladoiros do CulturaLab, que terá continuidade todos os mércores do mes de febreiro con xornadas abertas ao público, permitirá ás persoas participantes facer un repaso ás tecnoloxías da información libre e das ferramentas existentes da man de Beka Iglesias, así como á teoría do open source. A reivindicación da conversa como fórmula de aprendizaxe responde a unha dos obxectivos marcados polo coordinador do CulturaLab, Fran Quiroga, que na súa busca de novos mecanismos de intercambio e aprendizaxe, concibe a conversa como sistema acaído para a transmisión e o intercambio de coñecementos. Daquela, os relatores convidados a tomar parte nestes faladoiros pretenden actuar de mediadores de diálogos cuxa temática xirará arredor de eixos: libre, emprende, ligazón e dixital. A educadora independente, como se define Beka Iglesias, encetará este mércores os faladoiros do CulturaLab, un ciclo que continuará o 11 de febreiro coa intervención de Lucía Castro. Esta relatora procurará, en colaboración cos estudantes do posgrao en Servizos Culturais e demais persoas asistentes á sesión, establecer unha ligazón entre a universidade e outros espazos produtores de coñecemento, tales como a investigación militante ou a produción xerada arredor dos movementos sociais. As dificultades asociadas ao emprendemento, así como as relacións entre proxectos de creación e administración centrarán o 18 de febreiro a sesión guiada por Xesús Ron, a terceira dun ciclo que finalizará o mércores 25 de febreiro cunha viaxe pola cultura dixital da man de Man Hausser, quen guiará a conversa a través das posibilidades da cultura dixital, coñecendo como o dixital pode engarzarse co tradicional, supoñendo, por tanto toda unha oportunidade paras as culturas. O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais e unha iniciativa xurdida na USC e que conta co apoio da propia Universidade de Santiago de Compostela, así como da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo. Pódese obter máis información na ligazón: http://culturalab.tumblr.com/.

The contents of this page were updated on 02.03.2015.