Skip to main content

Darío Villanueva asume a dirección da RAE coa aspiración de contribuír a mellorar o uso da lingua e manter a súa unidade

Darío Villanueva
Darío Villanueva
O plano estratéxico proposto polo catedrático e ex reitor da USC para salvar a crise económica da institución libera aos académicos de labores económicos e de xestión

O catedrático do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral e ex reitor da USC, Darío Villanueva Prieto, asume a dirección da Real Academia Española (RAE) coa humilde aínda que ambiciosa aspiración de contribuír a mellorar o uso da lingua que comparten cincocentos millóns de falantes hispanos en todo o mundo ademais de axudar a manter a unidade do idioma español.

Villanueva Prieto, que vén de converterse oficialmente este xoves no trixésimo director da RAE como consecuencia do resultado das eleccións celebradas no seo da corporación a mediados de decembro de 2014, reivindica o traballo desenvolvido desde 1713 por todas as persoas que o precederon á fronte da RAE, ao tempo que se compromete a darlle continuidade durante os catro anos de mandato para os que resultou escollido. O filólogo vilalbés, que durante os últimos anos desenvolveu o cometido de secretario da RAE e coordinou os actos organizados co gallo da celebración do terceiro centenario da corporación, aproveitou os saúdos publicados nos portais electrónicos da RAE e tamén da Asociación de Academias da Lingua Española (Asale) para ofrecer o seu total apoio e colaboración a todas aquelas persoas e entidades que traballen a prol da lingua. A primeira reunión da renovada xunta de goberno da RAE presidida polo ex reitor e catedrático da USC foi tamén o escenario no que Darío Villanueva presentou as medidas estratéxicas coas que durante os próximos catro anos pretende salvar a delicada situación económica pola que atravesa a RAE na actualidade. Un plano estratéxico que xa trasladara con anterioridade ao ministro José Ignacio Wert e no que, ademais da demanda máis financiamento público para a corporación, tamén cómpre subliñar a pretensión de liberar aos académicos de labores económicas e de xestión para canalizar o seu traballo e saber científico cara a defensa, protección e coñecemento da lingua española.

The contents of this page were updated on 01.09.2015.