Skip to main content

A USC e Ferrovial Servicios desenvolverán o Plan de Sensibilización Ambiental das áreas verdes da cidade de Compostela

Asinaron o contrato Juan Viaño (esquerda), pola USC, e Ignacio Gastón Najarro, por parte de Ferrovial Servicios. Foto: Santi Alvite
Asinaron o contrato Juan Viaño (esquerda), pola USC, e Ignacio Gastón Najarro, por parte de Ferrovial Servicios. Foto: Santi Alvite
O IBADER deseñará o plan a partir da súa experiencia en materia de investigación e desenvolvemento

A USC e Ferrovial Servicios colaborarán no desenvolvemento de actividades de I D i do Plan de Sensibilización Ambiental das áreas verdes da cidade de Santiago. Para isto, o reitor da USC, Juan Viaño, e o director xeral de Ferrovial Servicios España, Ignacio Gastón Najarro, asinaron un contrato que regula esta cooperación. No mesmo acto, tamén estiveron presentes o director rexional da zona norte de Ferrovial Servicios, Pedro Martínez Artigas, e o coordinador das actividades a desenvolver, o profesor Pablo Ramil. En virtude do documento asinado e a través do seu Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), a USC prestará un servizo de asistencia técnica para desenvolver un programa de actividades agrupadas no Plan de Sensibilización Ambiental incluído no servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arborado urbano de Compostela que a empresa de servizos ten adxudicado. Juan Viaño e Ignacio Gastón coincidiron en sinalar como principal destinatario deste plan a cidadanía que se achega a Compostela a través da posta en valor da súa relación co medio ambiente que lle é máis próximo. Neste senso, “a investigación vai permitir definir unha nova relación” entre a cidadanía compostelá e os espazos verdes da cidade, baseada no aumento do coñecemento sobre a natureza así como sobre conservación do medio, engadiu Juan Viaño. Para Ignacio Gastón este é un proxecto innovador, no que a implicación das ferramentas asociadas á I D i achegan unha referencia importante para o desenvolvemento económico e social, neste caso, de Compostela. A materialización deste Plan de Sensibilización parte da experiencia acumulada polo instituto universitario no eido da investigación e o desenvolvemento a través da posta en marcha de numerosos proxectos sobre caracterización ambiental de diferentes territorios, a diagnose de problemas e ameazas sobre compoñentes clave da biodiversidade ou a proposta de modelos de xestión que compatibilicen o mantemento dos valores de conservación e os aproveitamentos racionais e sustentables dos recursos. A institución académica achegará tanto os medios humanos como materiais necesarios para desenvolver as tarefas asociadas ao Plan de Sensibilización, baixo a coordinación do profesor Pablo Ramil Rego e da profesora Elvira López Mosquera. A vixencia do acordo estenderase ata o mes de maio de 2018. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer os valores vinculados cos espazos verdes públicos da cidade de Santiago, atendendo as demandas tanto de residentes como de visitantes que acoden interesados/as pola propia condición de Compostela como Patrimonio de la Humanidade como por ser destino dunha das principais rutas de peregrinación do mundo, o Camiño de Santiago. O Plan de Sensibilización permitirá definir a relación entre visitantes e espazos verdes, favorecendo unha aproximación crítica á situación ambiental do entorno ao tempo que se propicia un mellor coñecemento das particularidades dos espazos verdes e se ensina a valorar e gozar de forma positiva da cidade. Para conseguilo, está previsto o desenvolvemento dunha serie de infraestruturas e aplicacións que permiten aumentar o coñecemento da natureza, a concienciación ambiental, a protección do medio ambiente e, en definitiva o aumento do valor que se concede habitualmente a estes espazos. A partir dun Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (CIPX), o Plan de Sensibilización concibirase e desenvolverase coa colaboración do IBADER e inclúe propostas como a creación dun fondo documental dixital histórico e o conseguinte repositorio para a súa difusión y consulta, un abano de aplicacións móbiles (de modelado 3D, xeolocalización ou seguimento de rutas), a definición dunha páxina web específica (con información sobre as distintas zonas verdes ou a programación de eventos), así como exposicións tanto de carácter permanente como específicas e un programa de actividades formativas continuas orientadas á educación, a sensibilización e o desenvolvemento de prácticas sustentables. De esquerda a dereita, Pablo Ramil, Juan Viaño, Ignacio Gastón e Pedro Martínez Artigas. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 01.14.2015.