Skip to main content

Comeza o traballo do alumnado que vela polo desenvolvemento sostible da USC

A entrega de credenciais tivo lugar en Filosofía
A entrega de credenciais tivo lugar en Filosofía

Os 33 bolseiros e bolseiras de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU) recibiron este martes en Filosofía as súas credenciais da man da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez, e o secretario executivo do Consello Social, Benigno Carril. As bolsas, que xa van pola súa décimo segunda edición financiadas polo Consello Social da USC, están integradas nunha estrutura de responsabilidade delegada e de participación onde as bolseiras e os bolseiros achegan iniciativas ás facultades e residencias e recollen inquedanzas e propostas dos mesmos, asegurando a implicación dos centros na posta en práctica do Plan de Desenvolvemento Sostible (PDS). Este tecido formado polo alumnado bolseiro e os coordinadores e coordinadoras do PDS en cada centro docente foi recoñecida por UNIVERSIA como ‘Boa práctica na gobernanza das Universidades’ a finais do 2013. A iniciativa incide no valor educativo cara ao alumnado, que recibe formación en desenvolvemento sostible e á súa vez realiza actividades de sensibilización, divulgación e formación dirixidas á comunidade universitaria. Estas tarefas dan a posibilidade aos bolseiros e bolseiras de adquirir durante cinco meses competencias no desempeño práctico, enriquecendo o seu perfil académico e complementando a súa bagaxe formativa e persoal. Ao finalizar a entrega de credenciais, o alumnado asistiu á primeira sesión formativa na que a Coordinadora do PDS, Silvana Longueira, e a responsable do funcionamento administrativo da ODS, Isabel Pazos, explicaron as liñas sobre as que se desenvolverá cada un dos plans de traballo que deberán planificar e desenvolver de forma específica segundo as características e necesidades do centro no que desempeñará as súas funcións. As primeiras actividades nas que se implicará o alumnado serán a recollida a través de enquisas de datos para o cálculo da pegada ecolóxica da USC e a mellora e mantemento dos puntos verdes do seu centro docente ou residencia.

The contents of this page were updated on 01.13.2015.