Skip to main content

O colectivo Ruralia celebra este martes unha mesa de debate sobre o monte en man común na Escola Politécnica Superior

Santiago Fraga, Noemí García e Alberte Román intervirán como relatores nesta sesión, encadrada nas xornadas ‘O mundo rural galego a debate’ e que comezará ás 16.00 horas

O colectivo universitario de innovación docente Ruralia organiza este martes 24 de novembro, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo a mesa de debate ‘A propiedade veciñal: O mundo nas nosas mans’, un foro encadrado no marco da oitava edición das xornadas ‘O mundo rural galego a debate’.

O xefe da Área de Montes Veciñais e Man Común da Consellería de Medio Rural, Santiago Fraga; a enxeñeira de Montes e socia de Tenzas, Noemí García, e Alberte Román, de Trespés Cooperativa Galega, son os tres relatores convidados a participar nesta mesa de debate sobre o monte veciñal en man común. Esta actividade, organizada polo grupo Ruralia da USC en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e da rede de agroecoloxía Revolta, pretende servir ademais de complemento á proxección do filme ‘En todas mans’, que puido visualizarse de xeito gratuíto na Facultade de Humanidades.

The contents of this page were updated on 11.23.2015.