Skip to main content

A USC amplía o número de servizos ofrecidos en .gal

Captura do web da USC
Captura do web da USC
Progresivamente, o .gal será o dominio ao que se redireccionen independentemente do URL que se escriba, polo que se converterá no enderezo principal, sen que signifique a eliminación do anterior

A USC completou o proceso para que o web institucional e outros sitios principais existentes na actualidade baixo o dominio usc.es estean operativos tamén baixo usc.gal. É o caso de xornal.usc.gal, tv.usc.gal ou ocartafol.usc.gal, entre outros. En breve, sumaranse a esta lista o Portal do Empregado ou a Sede Electrónica da USC, lugar web que require que a modificación do enderezo sexa publicada no DOG. Progresivamente, o .gal será o dominio ao que se redireccionen independentemente do URL que se escriba, polo que se converterá no enderezo principal, sen que signifique a eliminación do anterior. A implantación prioritaria deste dominio realizarase conservando o posicionamento na Rede de que goza a USC.

Este proceso desenvolve así a actuación específica contida nas liñas xerais da Programación Plurianual aprobada polo Claustro en novembro de 2018 de cara a potenciar a lingua galega en todos os ámbitos. A implantación de .gal responde ao compromiso da USC por visibilizar a lingua e a cultura galega en internet, ao tempo que representa unha actuación de proxección universitaria. A complexidade técnica do proceso obriga ao seu desenvolvemento de xeito progresivo en distintas fases.

Correo electrónico
Nesta mesma liña, todas as caixas de correo xa teñen asignado un enderezo adicional co formato @usc.gal para que as mensaxes sexan recibidas na mesma caixa, con independencia de que vaian dirixidas aos dominios @usc.es ou @usc.gal. No caso do servizo para estudantes, está previsto que dende o vindeiro curso 19/20 todas as novas contas teñan unicamente o formato nome.apelidos [at] rai.usc.gal (nome[dot]apelidos[at]rai[dot]usc[dot]gal). Polo que respecta ás contas non persoais, ligadas a cargos, órganos ou servizos universitarios, pasarán de xeito inmediato ao domingo @usc.gal como enderezo principal: reitor [at] usc.gal (reitor[at]usc[dot]gal), atic [at] usc.gal (atic[at]usc[dot]gal),...

Antecedentes
A USC foi en 2014 unha das 93 institucións e empresas pioneiras na adopción do dominio .gal para visibilizarse en Internet. O dominio .gal é un dominio de primeiro nivel para a lingua galega e a súa cultura, segundo foi aprobado pola ICANN o 14 de xuño de 2013.

Aínda que o primeiro web www.dominio.gal entrou en funcionamento o 16 de maio de 2014, foi o 25 de xullo de 2015 cando se presentaron as primeiras webs .gal, entre as que se atopan a Xunta de Galicia, múltiples concellos galegos, a Radio Televisión de Galicia, partidos políticos, fundacións, equipos deportivos ou as universidades, cun total de 93 dominios seleccionados de entre unha multitude de peticións. Hoxe en día son esta cifra ascende a preto de 5.000 dominios .gal rexistrados.

Conseguir o dominio .gal para poder referenciar a lingua e a cultura galega en Internet tivo o seu inicio en 2006, grazas á creación da asociación Puntogal, logo de ver o exemplo de .cat. Esta asociación conseguiu máis de 12.000 apoios de toda a sociedade galega para presentar a petición perante o ICANN, entre eles, o da propia USC.

The contents of this page were updated on 02.16.2024.