O experto británico en fascismo Roger Griffin inaugura o máster de Historia Contemporánea da USC

O profesor da Oxford Brookes University (Inglaterra) Roger D. Griffin será o encargado de inaugurar este mércores 23 o máster de Historia Contemporánea da USC. Será ás 11.30 horas cando pronuncie na Sala de Profesores da Facultade de Historia a conferencia ‘Franco's Modernism: a case-study in reconceptualizing Modern History’. A entrada é libre. O interese académico do historiador Roger D. Griffin xira en torno á dinámica socio-histórica e ideolóxica do fascismo así como de diversas formas de fanatismo político ou relixioso. Interesado no estudo dos movementos de extrema dereita e os réximes que construíron, na súa tese doutoral desenvolveu por primeira vez a súa teoría sobre o fascismo. A conferencia enmárcase no ciclo ‘Pasados Incómodos: Guerra memoria e Historia’ do Grupo de Investigación HISTAGRA, que ten como un dos seus principais obxectivos o estudo do golpe de 1936, a Guerra Civil, o franquismo e a transición política en España. A contrastada experiencia de cada un dos conferenciantes do ciclo ofrece a oportunidade de poñer en valor un tema como o do pasado da guerra e a memoria que segue a ser un dos vértices das políticas publicas e da investigación histórica.