O presidente do Consello Europeo de Investigación participa na USC nun debate sobre ciencia de excelencia
O presidente do Consello Europeo de Investigación (ERC), Jean-Pierre Bourguignon, participa este venres 25 nunha mesa redonda sobre as oportunidades para a ciencia excelente galega en Europa. O directivo europeo atópase estes días en Santiago convidado polo Grupo Compostela de Universidades, que celebra na cidade a súa vixésimo primeira asemblea xeral. Baixo o lema ‘Ciencia excelente en Europa: Oportunidades para a ciencia galega nos programas do ERC’, ás 12.45 horas na Aula de Seminarios do CIQUS (Campus Vida) intervirán xunto a el o reitor Juan Viaño co relatorio ‘Importancia estratéxica dos proxectos do ERC’; o director xeral da Axencia Galega de Innovación, Manuel Antonio Varela Rey, que explicará o programa OPORTUNIUS para captar talento investigador de excelencia en Galicia; e José Luis Mascareñas, investigador ERC Advanced e director CIQUS, que falará sobre o impacto na carreira investigadora.