As escavacións de Cova Eirós afondan sobre un dos períodos menos coñecidos da prehistoria galega

A pasada semana concluíron os traballos de escavación no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo), que arrancaron o pasado 5 de agosto ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que achega 30.000 euros para os traballos de escavación, investigación e documentación do xacemento. Esta importante intervención está dirixida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN) da USC, en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona. O descubrimento de máis de dous mil restos arqueolóxicos axuda a botar luz sobre un dos períodos menos coñecidos da Prehistoria galega, o Paleolítico medio. A Cova de Eirós é coñecida por ser un dos poucos xacementos que contén restos de ocupacións de dúas especies de homínidos diferentes, os neandertais e os Sapiens. Nas campañas que comezaron no ano 2008 escaváronse os niveis máis recentes de 30.000 anos, relacionados co H. sapiens, e onde saíron á luz varias evidencias de arte moble e arte rupestre. Período Paleolítico A diferenza do que ocorre na maioría do territorio galego, onde os solos son moi ácidos, o emprazamento do xacemento nunha cavidade calcaria permite a conservación dos restos orgánicos. En Galicia, os xacementos da época dos neandertais son escasos e Cova Eirós é, ademais, o único para este período do Paleolítico onde achamos ferramentas e fauna asociada. Os restos óseos achegan moita información sobre a reconstrución da fauna que habitou no noroeste durante este período, así como das condicións ambientais nas que se desenvolveron as ocupacións. Na campaña do presente ano os traballos centráronse na investigación dos dous niveis máis antigos, datados entre 84.000 e 120.000 anos. Na escavación arqueolóxica recuperáronse numerosos obxectos, a maioría restos de ferramentas líticas e de fauna correspondentes a varias especies. Polo tipo de restos atopados, as ocupacións neandertais do Nivel 3 poden relacionarse con estancias curtas e breves, enfocadas á caza e procesado das presas da contorna, ademais doutras actividades como a talla de cantos de seixo procurados nos ríos próximos ou o traballo de peles. Estas ocupacións poden relacionarse posiblemente con paradas durante o tránsito destes grupos de cazadores recolectores polos seus amplos territorios. Complexidade tecnolóxica dos neandertais O máis salientable é o achado de numerosas puntas e lascas Levallois fabricadas nunha cuarcita de moi boa calidade que trouxeron con eles ao interior de Cova Eirós. A ausencia de núcleos ou restos relacionados coa talla deste material no xacemento indícanos que estas ferramentas foron fabricadas nos lugares onde se abasteceron desta materia prima, aínda por determinar, e logo levadas ao xacemento para ser usadas. A fabricación destes elementos, algúns deles en seixo, amosa a complexidade tecnolóxica dos neandertais de Cova Eirós, xa que este método implica unha coidada planificación e predeterminación no proceso de talla dos cantos para a obtención de lascas con bos gumes cortantes e cunhas morfoloxías (algunhas de punta) e tamaños moi estandarizados.
Os restos de fauna recuperados amosan unha importante variedade: cervos, rebecos, cabras, así como rinoceronte e hiena. Os humanos alternaron o uso da cavidade con outros carnívoros, como amosan os numerosos restos de osos das cavernas atopados, que usaban esta cavidade como lugar de hibernación e cría dos seus cachorros.
Acumulacion de restos oseos e liticos do nivel 3 Fotografía in situ dun colmillo de oso das cavernas