O Espazo de Danza da USC abre a matrícula nos seus cursos e actividades

Danza contemporánea, oriental, creativa e social, bailes latinos ou swing jazz son algunhas das propostas do Espazo de Danza da USC para este curso, que ofrece ademais a posibilidade non só de formar parte da súa Compañía senón de que calquera membro da comunidade universitaria forme a súa propia. Para os cursos de formación en Santiago o prazo está xa aberto, mentres que en Lugo as persoas interesadas poden facelo a partir deste xoves 17. En Santiago poderase cursar o segundo curso de danza contemporánea, para o que hai que ter polo menos un ano de formación nalgunha técnica de baile, ou os cursos de bailes latinos (salsa, bachata, merengue, conga e roda cubana) nos tres niveis de iniciación, intermedio e avanzado. En Lugo, ademais do primeiro curso de danza contemporánea e dos tres niveis de bailes latinos, o Espazo que dirixe Juan Carlos Zahera convoca monográficos de danza creativa e social para o IV ciclo, de swing jazz e oriental. Compañías propias A Universidade de Santiago brinda a oportunidade de profundar aínda máis no ámbito das artes escénicas coa súa Compañía de Danza, cuxo traballo remata coa posta en escena dunha peza de coreografía. Xunto a esta compañía propia da USC, o Espazo conta cun programa de apoio a universitarios para que xurdan novas formacións no que se asesora sobre creación e produción coreográfica e se lles ofrece un espazo de ensaio.