Skip to main content

Relatan nunha monografía a vida do prolífico intelectual Said Armesto

preséntase este mércores coa asistencia do reitor, o conselleiro de Cultura, o alcalde de Santiago e o catedrático Carlos Villanueva

O pasado 17 de xullo cumpriuse o centenario do pasamento do que foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914), que destacou ademais pola súa intensa relación coa literatura, a música e a etnografía. Con motivo deste centenario, o catedrático da USC Carlos Villanueva e o seu equipo de investigación prepararon un amplo programa de actividades e eventos, entre os que destaca a presentación do libro Said Armesto. Una vida de romance que terá lugar este mércores, 1 de outubro, ás 11.45 horas no Salón Reitoral de San Xerome. Asisten ao acto, ademais do coordinador da obra, o reitor da USC, Juan Viaño; oconselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Ángeles Antón; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. A monografía dedícase á orientación musical e de experto no romanceiro galego así como ao estudo da literatura popular de Galicia na relación con outros ciclos medievais, tarefa que desembocaría no acceso de Said Armesto á primeira Cátedra de Literatura galego-portuguesa. O volume estuda tamén outros aspectos da súa afección musical como a participación no coro Aires da terra, a colaboración con Sampedro, as súas actividades no Ateneo ou a preparación, composición e estrea de La flor del agua.

The contents of this page were updated on 09.30.2014.