Skip to main content

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC rende homenaxe ao violoncellista Paul Tortelier con concertos en Lugo e Santiago

A formación dirixida por Mario Diz ofrecerá este luns 28 un concerto no Círculo das Artes de Lugo e repetirá actuación ao día seguinte na Igrexa da Universidade

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC rende homenaxe ao violoncellista francés Paul Tortelier no primeiro centenario do seu nacemento coa celebración de dous concertos no Círculo das Artes de Lugo e na Igrexa da Universidade en Compostela. Baixo a dirección de Mario Diz, os violoncellistas Barbara Switalska e Thomas Piel interpretarán este luns 28, a partir das 20.30 horas no Círculo das Artes de Lugo, un repertorio que inclúe, entre outras, obras de Vivaldi, Händel e composicións do propio Tortelier para dous violonchelos solistas e orquestra de corda. Este concerto está incluído na programación musical do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira 2014', que conta con financiamento ao abeiro do convenio Lugo Cultural. A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrecerá o martes 29, a partir das 20.00 horas na Igrexa da Universidade de Compostela, outro concerto en homenaxe a Paul Tortelier co mesmo repertorio. Paul Tortelier naceu en París o 21 de marzo de 1914, polo que recentemente cumpriuse o centenario do seu nacemento. Fíxose violoncellista no conservatorio de París ingresando á idade de 12 anos como alumno de Louis Feullard e acadando o primeiro premio de violonchelo deste mesmo lugar aos tan só 16 anos interpretando o concerto de Elgar. O violonchelista foi asociado á obra Don Quixote de R. Strauss xa que foi unha obra que lle outorgaría fama polas súas grandes interpretacións da parte solista segundo se reflicte nos documentos e os rexistros sonoros que realizou da mesma. A Orquestra do Espazo de Cámara fará unha mostra de obras que foron representativas da figura deste violoncellista, interpretando o concerto para dous violoncellos e orquestra de Vivaldi Rv. 513, unha das obras predilectas do homenaxeado, ademais da Trío Sonata para dous violoncellos e continuo en Sol menor de G.F. Händel, na que o propio Tortelier orquestraría para ser tocada con orquestra de cordas tal e como interpretará a Orquestra do Espazo de Cámara, ademais da interpretación do Vals nº1 ‘Alla Maud’, obra propia do violoncellista. Espazo de Cámara da USC O Espazo de Cámara da USC nace co obxectivo de impulsar na comunidade universitarias e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, o grupo que conforma a Orquestra da USC, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van plasmando de xeito diverso en cada proxecto. Dende o 2010 a Orquestra da Universidade afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento, o Concerto de Haydn en Re interpretado por Carlos G. Amigo, monográfico sobre Astor Piazzolla e sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela así entre outros moitos, incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como profesores relevantes do ámbito musical galego. Recentemente a Orquestra do Espazo de Cámara foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan orquestras de máis de 28 nacionalidades de toda Europa.

The contents of this page were updated on 04.28.2014.