Skip to main content

Catro días de estudo dos movementos migratorios na literatura infantil

Dirixido pola profesora da USC Blanca-Ana Roig, dos días 1 a 4 de xullo en Compostela desenvolverase un curso de formación dedicado enteiramente nesta ocasión aos movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil nos ámbitos castelán, vasco, catalán, portugués, galego, mexicano e brasileiro. Organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o grupo de investigación da USC LITER21 e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o curso inaugúrase este martes 1 de xullo ás 10.30 horas no Centro Ramón Piñeiro (Rúa San Roque, 2) nun acto no que participarán o Valedor do Pobo, o secretario xeral de Política Lingüística, a directora do Instituto de Ciencias da Educación, a directora do curso e o director da Biblioteca Novacaixagalicia. Logo de analizar polo miúdo as migracións da LIX en cada ámbito xeográfico e cultural, esa primeira xornada contempla ademais pola tarde encontros cos escritores Alfredo Gómez Cerdá, Antonio García Teijeiro e António Mota, para rematar coa presentación do libro Inmigración/Emigración na Literatura Infantil e Xuvenil. Talleres de creación literaria e de ilustración, relatorios de experiencias e encontros con escritores como Concha Blanco, Rafael Lema ou Fran Alonso conforman, entre outras actividades, o programa deste curso de formación que, xa pola súa novena edición, está consolidado na oferta da Universidade.

The contents of this page were updated on 06.30.2014.