Skip to main content

Logo do verán comeza a conmemoración do centenario da morte do intelectual pontevedrés Said Armesto

Logo do verán comeza a conmemoración do centenario da morte do intelectual pontevedrés Said Armesto
Logo do verán comeza a conmemoración do centenario da morte do intelectual pontevedrés Said Armesto
As actividades coordínaas un equipo de investigación da USC dirixido polo profesor Carlos Villanueva

O vindeiro 17 de xullo cúmprese o centenario da morte do que foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914). Santiago, Pontevedra e A Coruña serán os lugares que acollan as actividades do amplo programa que preparou e coordinou o equipo de investigación da USC que dirixe o profesor Carlos Villanueva. A figura deste intelectual pontevedrés centrará este outono un simposio (patrocinado pola Deputación de Pontevedra, O Museo do Pobo Galego e a Fundación Barrié) no que se profundará na vida e obra do pontevedrés, a súa relación coa literatura, a música e a etnografía e todo o referente ao seu pensamento político e ideolóxico no contexto da Galicia da época. Ademais, en outubro o catedrático de Historia da Música Carlos Villanueva presentará o libro Said Armesto. Una vida de romance dedicado á orientación musical e de experto no romanceiro galego así como ao estudo da literatura popular de Galicia na relación con outros ciclos medievais, tarefa que desembocaría no acceso de Said Armesto á primeira Cátedra de Literatura galego-portuguesa. O volume estuda tamén outros aspectos da súa afección musical como a participación no coro Aires da terra, a colaboración con Sampedro, as súas actividades no Ateneo ou a preparación, composición e estrea de La flor del agua. O programa de actividades contempla tamén unha exposición en novembro organizada pola Fundación Barrié de la Maza coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Residencia de Estudiantes que terá como sedes A Coruña, Pontevedra e Madrid. A mostra incluirá materiais novos e inéditos sobre a súa traxectoria vital e académica e sobre a primeira cátedra de literatura galego-portuguesa en España. Por último, están previstos dous concertos nos que se interpretará a zarzuela ‘La Flor del agua’, de Said Armesto e Conrado del Campo, estreada con éxito no Teatro da Zarzuela de Madrid en xuño de 1914. A obra, considerada para moitos como renovadora para a escena da época e determinante para os estudos do teatro rexeneracionista en España, porase en escena en novembro a cargo da Orquestra da Comunidade de Madrid e en decembro pola Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Maximino Zumalave. Said Armesto Said Armesto foi continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático. Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905 –baixo a presidencia de Manuel Murguía– para constituír a Academia Galega. Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero esas tendencias e orientacións van refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico.

The contents of this page were updated on 07.11.2014.