Skip to main content

Confemadera defende na Escola Politécnica que o sector forestal é un dos alicerces estratéxicos da economía galega

Ana Oróns, na súa intervención na Escola Politécnica
Ana Oróns, na súa intervención na Escola Politécnica
A secretaria xeral da patronal, Ana Oróns, ofreceu este venres un relatorio aos 25 estudantes inscritos este curso no máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural

A secretaria xeral de Confemadera Galicia, Ana Oróns, explicou este venres na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo aos alumnos do máster en Enxeñaría da madeira estrutural da USC que, polas súas propiedades, a madeira é a materia prima do futuro. Deste xeito, Oróns lembrou que a maioría dos países están a apostar pola produción forestal co obxectivo de seren donos do seu destino en materia forestal e ter un papel relevante na economía sustentable.

A madeira é un recurso natural, susceptible de reciclaxe, sustentable e eficiente que require de menor consumo enerxético para a súa transformación, en comparación con outros materiais. A madeira é confortable e saudable, xa que é un gran illante térmico e acústico que regula a humidade. Por último, é un material converxente con outros materiais e cunha alta expresividade de deseño e estilo. Durante a súa exposición ante os titulados inscritos neste máster propio da Universidade de Santiago, Oróns lembrou que Galicia conta coas mellores condicións para a produción de madeira, ao tempo que dispón dunha industria comprometida coa xeración de valor engadido nesta comunidade, na que se fabrican produtos innovadores e con altas prestacións. O sector é un dos alicerces estratéxicos da economía galega. O Instituto Galego de Estatística (IGE) confirma que o peso desta industria é superior ao da pesca extractiva, ao do sector téxtil e da confección ou ao de transformación da pesca, e destaca o seu papel relevante nas economías locais de 52 concellos de contornas rurais onde esta actividade representa máis do 30% das industrias asentadas.Galicia, cunha superficie territorial de case 3 millóns de hectáreas, ten 2 millóns de superficie forestal, distribuída en superficie arboredo, o 70%, e desarborada, 30%. De maneira estimada, existen 600.000 hectáreas de superficie forestal improdutiva. O 7% das familias galegas obtivo unha renda pola venda de madeira, en 2012. Máis de 54.000 propietarios repartíronse máis de 250 millóns de euros pola venda da madeira. A industria forestal e de transformación da madeira conta con máis de 3.000 empresas que alcanzan unha facturación de 1.650 millóns de euros, e que dá emprego directo a máis de 20.000 profesionais e até 50.000 indirectos.

The contents of this page were updated on 02.07.2014.