Skip to main content

O Congreso da Asociación Española de Profesores de Dereito Administrativo celébrase por vez primeira en Galicia

Participan máis de 200 expertos de toda España, así como de Portugal e Italia. Foto: Servimav-USC
Participan máis de 200 expertos de toda España, así como de Portugal e Italia. Foto: Servimav-USC
catedráticos, profesores e investigadores españois debaterán sobre a lei de costas e a simplificación dos procedementos administrativos

O Congreso da Asociación Española de Profesores de Dereito Administrativo (AEPDA) celébrase este venres 7 e o sábado 8 por vez primeira en Galicia, organizado polo grupo de investigación de Dereito das Administracións e Entidades do Sector Público da Universidade de Santiago (DAESP). É un encontro que reune á maioría dos administrativistas españois e no que se debaten temas de actualidade como a modificación da lei de costas ou a simplificación dos procedementos administrativos para lograr o aforro de custes no actual contexto de crise económica. Asisten 220 expertos, entre os que se atopan os catedráticos, profesores e investigadores máis relevantes de España, e doutros países como Portugal e Italia. Na inauguración oficial participaron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o valedor do Pobo Galego, José Julio Fernández Rodríguez; o director do grupo DAESP, Javier Ferreira Fernández; e o presidente da AEPDA, Francisco López Menudo. “Trátase do congreso máis importante no ámbito do Dereito Administrativo español, tanto pola calidade dos seus relatores como polo impacto práctico das conclusións ás que se chega”, asegura Javier Ferreira, quen apunta que “hai corenta años que non se celebraba en Galicia un encontro de administrativistas e nunca un macrocongreso destas características”. Debate de actualidade Segundo os seus promotores, o IX Congreso da AEPDA pretende ser un foro de debate para temas que afectan e preocupan á cidadanía. Nesta dimensión sitúan a nova lei de costas e a simplificación dos procedementos administrativos. No referente ao primeiro, analizaranse “os aspectos máis escuros e ambiguos da normativa”, así como os principais efectos sobre os núcleos de poboación das zonas costeiras. En canto á simplificación do funcionamento da Administración pública, trataranse de buscar mecanismos que reduzan as cargas que recaen sobre a cidadanía e que supoñen importantes custes económicos, contribuíndo desta maneira a saír da crise. “A pluralidade de puntos de vista científicos e ideolóxicos que caracteriza os encontros da AEPDA permite augurar un debate frutífero do que se poderán extraer importantes conclusións que a Xunta da Asociación fará chegar aos poderes públicos”, anticipan os seus promotores. O grupo DAESP

O Grupo DAESP está recoñecido pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como de potencial crecemento. Dirixido por Javier Ferreira e coordinado polos profesores Marcos Almeida e Diana Santiago, intégrano 17 profesores doutores de 22 universidades europeas e americanas. Como sinalan os seus responsables, aínda que se trata dun colectivo moi novo –cunha media de idade de entre 30 e 40 anos– os seus logros e investigacións no campo do Dereito Administrativo “ten sido suficiente aval para que a AEPDA, unha das asociacións de profesores de dereito más activas e prestixiosas, lles confiase a organización do seu congreso anual”.

O vicepresidente da Xunta, no centro da imaxe, presidiu a inauguración do encontro. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 02.07.2014.