Skip to main content

O Ibader celebra este xoves o Día Mundial dos Humidais no Ceip Santa María do Valadouro cun acto divulgativo

O vicerreitor adxunto de Investigación da USC, a deputada provincial de Medio Ambiente, un representante da Xunta e o alcalde do Valadouro participarán no acto

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela celebrará este xoves, día 13 de febreiro, a partir das 11.30 horas, no Ceip Santa María do Valadouro, o Día Mundial dos Humidais cun acto de sensibilización e información con escolares de ensino primario, unha actividade que tamén se encadra dentro do abano de tarefas de divulgación do proxecto europeo Life+Tremedal ‘Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos’.

O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación e coordinador da USC do proxecto Life+Tremedal, Pablo Ramil; a deputada delegada da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, e un representante da Xunta de Galicia participarán neste acto conmemorativo do Día Mundial dos Humidais. Esta efeméride celébrase desde 1997 o 2 de febreiro, por tratarse da data na que se adoptou a Convención Internacional dos Humidais, asinada en 1971 na cidade iraní de Ramsar. Esta xornada de celebración do Día Mundial dos Humidais servirá para que os relatores participantes presenten, a través de medios audiovisuais, aos escolares do Ceip do Valadouro, os diferentes tipos de humidais que poden atopar na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ademais de informar sobre a importancia destes recursos naturais e dos valores que achegan aos cidadáns na súa vida cotiá. Ao remate das intervencións, técnicos do Ibader responsables do proxecto Life+Tremedal farán unha presentación sobre os valores e a importancia de conservar os humidais na comarca, ao tempo que repartirán material de sensibilización entre os escolares.

The contents of this page were updated on 02.12.2014.