Skip to main content

Presentación de dous novos volumes da colección Clásicos do Pensamento Universal

de Platón e

Elementos de Euclides e A República de Platón son os dous novos volumes que se incorporarán á Colección Clásicos do Pensamento Universal, coeditados pola Universidade de Santiago e a Fundación BBVA. A presentación destes novos títulos celebrarase este mércores 12 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nun acto que presidirá o reitor Juan Casares a partir das 12.00 horas.

Na presentación intervirán o director da colección, o profesor Darío Villanueva; a directora de Comunicación da Fundación BBVA, Silvia Churruca; así como os prologuistas e tradutores dos volumes e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. O profesor de ensino medio Xosé Manuel Blanco Roo é o responsable do prólogo e tradución da obra de Platón, mentres que no caso de Os elementos, asina o prólogo o profesor José Luis Gómez Pardo, e Ana Gloria Rodríguez Alonso e Celso Rodríguez Fernández a tradución.

Clásicos do Pensamento Universal

Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista. Clásicos do Pensamento Universal é unha iniciativa que promoven dende 2002 a Universidade de Santiago e a Fundación BBVA estando deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá.

The contents of this page were updated on 02.11.2014.