Skip to main content

O libro Xacobeo. De un recurso a un evento turístico global mostra a evolución do fenómeno xacobeo dende 1993

De esquerda a dereita, José Carlos de Miguel, Francisco Durán, Nava Castro e Simone Novello. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, José Carlos de Miguel, Francisco Durán, Nava Castro e Simone Novello. Foto: Servimav-USC

Mostrar a evolución do acontecemento Xacobeo dende a súa xénese contemporánea en 1993 ata a actualidade. Este é o obxectivo do libro Xacobeo. De un recurso a un evento turístico global que editan José Carlos de Miguel, Pilar Murias Fernández, Fidel Martínez Roget e Simone Novello e na que diversos autores relatan o fenómeno xacobeo dende perspectivas diversas, de carácter económico, cultural, turístico e comunicacional.

O volume presentárono este venres 14 en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o profesor José Carlos de Miguel, e o investigador italiano Simone Novello. O desenvolvemento da obra apóiase no traballo previo realizado polo proxecto de investigación ‘Un indicador de lealdade do turismo con destino a Galicia’ que dirixiu como investigador principal o profesor Fidel Martínez Roget no grupo de Métodos cuantitativos e xestión de empresas (GI 1912).

O corpo do libro articúlase a partir do relato de nove co autores que propoñen unha análise multidisciplinaria do relato xacobeo. Segundo Vázquez Portomeñe e Daniel Gacía Blanco, integrantes do antigo Departamento de Cultura e Programas do Plan Xacobeo, inician o relato referíndose ao fenómeno da peregrinación e a figura do peregrino e particularmente á dimensión, valores e significado da peregrinación xacobea así como as súas repercusións e influencias na relixiosidade, arte, literatura, sociedade, economía ou política de España e Europa. A continuación o director de Comunicación da USC, Lois Celeiro, como autor de numerosas publicacións relacionadas coa temática xacobea, presenta na obra unha crónica que percorre a cadea de decisións que propiciaron o renacer do Xacobeo, destacando a súa importancia como motor da dinamización económica e cultural de Galicia. Como mostra da dimensión alcanzada polo Xacobeo, o autor subliña que o proxecto impulsado por Vázquez Portomeñe fose aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. ‘A planificación e creación do evento Xacobeo: análise da identidade e a imaxe’ é o capítulo que aborda Mª Magdalena Rodríguez Fernández, profesora do Departamento de Análise Económico e Administración de Empresas. Analiza o proceso de xestación seguido para crear e desenvolver un acontecemento destas características que ten influído na imaxe e posicionamento que na actualidade presenta Galicia como destino turístico. Nun segundo termo afonda nas particularidades da identidade e imaxe do Xacobeo, entendéndoos como conceptos fundamentais no terreo do marketing turístico. A continuación Xosé Manuel Villanueva Prieto, quen fora concelleiro de Santiago e xerente do Consorcio de Santiago, refírese á transformación experimentada na cidade de Santiago a raíz do impacto do Xacobeo, tanto no ámbito urbanístico, económico e social. Como explica o autor, o Xacobeo “foi, indubidablemente, unha ferramenta moi poderosa para a transformación da cidade de Santiago” ao que Villanueva suma a acción política do concello compostelán dende o ano 1983 a través do seu proxecto urbano. A segunda parte da obra está dedicada ao Xacobeo 2010, cuestión que comezará tratando a profesora do Departamento de Economía Aplicada Pilar Murías Fernández e segundo quen unha parte importante dos turistas que visitaron Galicia en 2010 consideran que o evento Xacobeo achegou pouco ou nada á súa visita á cidade e son pouco partidarios de repetir ou recomendar a visita ao Xacobeo, aínda que é probable que volvan a repetir a visita a Santiago de Compostela. Fidel Martínez Roget e Ewa Pawlowska, investigadores do proxecto ‘Un indicador de lealdade do turismo con destino Galicia’, encárganse do capítulo dedicado á satisfacción e á lealdade dos turistas que visitan Santiago de Compostela, tendo en conta que o Xacobeo é un caso particular de evento períodico, ao celebrarse en intervalos de tempo irregulares.

Finalmente, Simone Novello, especialista en análise de marketing turístico ou benestar económico rexional, refírese ao dilema da autenticidade no Xacobeo 2010, entendéndoa como o seu significado e valor natural. O autor pretende facer unha análise da influencia de cada un dos elementos do evento (gastronomía, entorno, arquitectura, souvenirs,...) sobre a autenticidade percibida por quen visitou Compostela en período xacobeo e tamén estudar o efecto que a autenticidade tivo sobre a satisfacción e a lealdade declarada polos visitantes. Como puxo de manifesto na presentación, o Xacobeo “puxo Galicia no mapa mundial da cultura e o do turismo global”.

O volume é unha proposta coral e multidisplinaria sobre a evolución experimentada polo Xacobeo nos últimos 20 anos. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 02.14.2014.