Skip to main content

O I Simposio do Notoriado en Galicia analiza este xoves e venres a función notarial e dos documentos na Idade Media e Moderna

García Herradón inaugurará ás 11.00 horas na Facultade de Humanidades este foro, organizado polo profesor Gonzalo Fernández Suárez e no que intervirán sete relatores

O I Simposio do Notariado en Galicia aborda este xoves 27 e o venres, 28 de febreiro, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo a figura e o cometido dos notarios e dos documentos na Idade Media e Moderna.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá este xoves, a partir das 11.00 horas no salón de graos da Facultade de Humanidades, a inauguración deste simposio, no marco dun acto no que tamén intervirán a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; o director do seminario e Natalia Nieto Alba, en representación do Ilustre Colexio de Notarial de Galicia. Este programa monográfico, coordinado polo profesor da Universidade de Santiago Gonzalo Francisco Fernández Suárez e organizado ao abeiro dun convenio asinado entre a institución académica e o Colexio Oficinal de Notarios de Galicia, é de asistencia libre e está aberto á participación de todas as persoas interesadas neste eido temático estreitamente ligado coas ciencias humanas. Os escribáns das Terras de Nemancos e das Xuntas do Reino de Galicia, os minutarios notariais do arquivo da catedral de Ourense, a organización e descrición arquivística dos protocolos notariais, así como os notarios de Tui e de Viveiro e o notariado de número e concello compostelán nos inicios da Idade Moderna constitúen os eixos temáticos sobre os que versarán os sete relatorios programados neste I Simposio do Notariado en Galicia, que rematará o 28 de febreiro cunha visita ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Todas as persoas que participen en asistan ás distintas sesións programadas neste simposio recibirán cadanseu diploma de asistencia. O programa do curso está accesible na páxina web da Facultade de Humanidades da USC e as persoas interesadas poden acadar máis información a través do enderezo de correo electrónico gonzalofrancisco.fernandez [at] usc.es (gonzalofrancisco[dot]fernandez[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 02.26.2014.