Skip to main content

Un curso básico oficial de Sistema de comunicación por intercambio de imaxe (PECs) congrega no Ibader 27 persoas

Asistentes ao curso básico oficial de PECs celebrado no Ibader
Asistentes ao curso básico oficial de PECs celebrado no Ibader
O seminario, organizado pola asociación Capaces-Lugo en colaboración coa USC, estivo impartido polo profesor e pedagogo Mario Montero Camacho

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) acubillou na súa sede un curso básico oficial de Sistemas de comunicación por intercambio de imaxe (PECs), un seminario organizado pola Asociación de apoio ás persoas de Trastornos de Espectro Autista (TEA) e Trastornos de Comunicación (TC) Capaces-Lugo en colaboración coa USC que congregou a participación dun total de 27 persoas.

O seminario, dirixido a pais, profesionais, profesores, logopedas e terapeutas, así como estudantes universitarios, estivo impartido polo profesor da Universidade de Girona e pedagogo Mario Montero Camacho, quen ten completado un máster sobre autismo na universidade británica de Birmingham ademais doutras investigacións sobre sistemas alternativos e aumentativos de comunicación.

O programa do curso abrangueu temáticas diferenciadas que van desde a análise dos compoñentes clave para deseñar ambientes educativos efectivos, estratexias para crear unha abundancia de oportunidades educativas, a relación dos PECs cos programas de adestramento tradicional e as súas fases de aplicación, ata o criterio para a transición dos PECs a outras modalidades de comunicación.

The contents of this page were updated on 02.05.2014.