Investigadores da USC achegan as súas interpretacións dos procesos de cambio da terra no volume ‘Territorios a examen II’

O libro ‘Territorios a exame II. Interpretando os procesos de cambio’, un novo volume publicado pola Universidade de Santiago de Compostela no que se compilan nove dos mellores traballos finais do Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio do curso 2011-2012, achega ao público análises concretos de distintos procesos territoriais, así como das súas causas e repercusións xa constatadas ou posibles.
O volume, presentado este venres na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e que dá continuidade á primeira das obras editas con traballos e artigos desenvolvidos ao abeiro do Máster Universitario en Xestión da Terra e do Territorio, convida tamén a facer unha reflexión serena sobre a necesidade de repensar a realidade actual da propiedade parcelaria da Galicia agraria coa pretensión de avanzar cara outros modelos de ordenación e xestión que favorezan o mellor e máis sostible aproveitamento dos denominados espazos rurais, segundo apunta o catedrático da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, no prefacio da obra. Os contidos desta publicación, que comeza cun prólogo no que o profesor ad honorem da USC Rafael Crecente Maseda defende que un dos obxectivos deste posgrao universitario é tamén deste libro é o de servir de canle para trasladar á sociedade e ao mundo académico novos análises, enfoques e interpretacións enriquecidas dos distintos procesos territoriais. A temática dos nove artigos recollidos nesta publicación é moi diversa. De feito, nesta obra, cuxa edición correu a cargo do propio Rafael Crecente e do tamén investigador da USC Urbano Fra Paleo, os distintos autores abordan cuestións dispares que van desde os cambios experimentados na cuberta do solo na comarca da Terra Chá antes e despois da entrada da España na CEE, ata a integración da fotogrametría UAV e TLS para o modelado tridimensional da cidade hispano musulmá de Vascos (Toledo). As casas de labranza galegas, a clasificación dos usos do solo nunha zona rural, a agricultura urbana en Lugo, o marco normativo e institucional para o LBSAP da cidade de Lugo, biodiversidade e servizos ecosistémicos da cidade de Lugo, escenarios de risco de asolagamento nos chairas do Río Sar e un estudo da superficie ocupada para a cría de camarón no golfo hondureño de Fonseca, completan os contidos desta obra colectiva. Presentación do libro O acto de presentación do libro ‘Territorios a exame II. Interpretando os procesos de cambio’, congregou este venres na sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo a un nutrido grupo de docentes e investigadores, ademais dos propios autores dos artigos publicados nun volume que afonda na concepción da terra como elemento aglutinador das dimensións sociais, ambientais, económicas e tecnolóxicas do territorio, que debe ser obxecto de planificación. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, a subdirectora da Escola Politécnica Superior, Isabel García Arias; o profesor no Máster de Xestión Sustentable da Terra e do Territorio e autor do prefacio do libro, Ramón Villares, e o actual coordinador deste posgrao universitario, David Miranda, tamén participaron na presentación desta nova publicación universitaria. O profesor David Miranda aproveitou esta sesión para lembrar ás persoas interesadas na planificación e na xestión sustentable do terra que aínda poden formalizar a súa inscrición no máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio. De feito, a Universidade de Santiago abrirá o vindeiro 28 de xaneiro unha ampliación do prazo de matrícula neste posgrao ata o 7 de febreiro. As persoas interesadas poden atopar máis información ao respecto na páxina web www.usc.es.