Skip to main content

A Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal premia a excepcionalidade dunha tese defendida na Politécnica

César Pérez Cruzado, nunha imaxe de arquivo
César Pérez Cruzado, nunha imaxe de arquivo
A investigación do enxeñeiro de Montes César Pérez, dirixida por Roque Rodríguez e Agustín Merino, analiza a fixación de carbono en terreos de pasto de reforestados

A Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal (IUFRO) vén de recoñecer cun dos seus Premios de Investigación Excepcional de Doutoramento o traballo de investigación desenvolvido polo enxeñeiro de Montes asturiano César Pérez Cruzado na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Roque Rodríguez Soalleiro e Agustín Merino.

A tese realizada por Pérez Cruzado, que se desenvolve baixo o título sobre ‘Modelos de estimación de biomasa e de acumulación de carbono en biomasa e solos de plantacións de Pinus radiata, Eucalyptus globulus e Eucalyptus nitens en terreos agrícolas abandonados no noroeste de España’, mereceu a cualificación de sobresaínte cum laude por parte do tribunal avaliador. Nesta tese de doutoramento, defendida en 2011 e que logo sería distinguida cun premio nacional á mellor tese, César Pérez Cruzado Pérez Cruzado analiza a fixación de carbono en terreos de pasto reforestados e demostra que nunha primeira fase hai perda de carbono orgánico, xa que os pastos permanentes teñen unha capacidade de fixación moi alta. A tese deste enxeñeiro asturiano formado na Escola Politécnica do Campus de Lugo tamén analiza modelos de xestión e sinala a conveniencia de prolongar as idades de corta para, deste xeito, favorecer a fixación de carbono no terreo. Asemade, esta investigación tamén ratifica que a substitución de combustibles fósiles por biomasa ten un efecto beneficioso moi importante a longo prazo, xa que o balance de emisións de carbono da biomasa é neutro. O interese das achegas feitas por Pérez Cruzado na súa tese de doutoramento non pasou desapercibido para a Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal (Iufro), que vén de galardoar este traballo cun dos nove premios á excelencia de investigación doutoral concedidos na última convocatoria, á que se presentaron un total de 25 candidaturas. Este prestixioso recoñecemento internacional consta de medalla e diploma acreditativo para o gañador. Asemade, Iufro tamén convida e sufraga os gastos de viaxe para que o doutor enxeñeiro de Montes César Pérez Cruzado, que na actualidade traballa na universidade alemá de Göttingen, asista e participe como relator no XXIV Congreso Mundial da Unión Internacional de Organizacións de Investigacións Forestais (Iufro), que se celebrará do 5 ao 11 de outubro na cidade estadounidense de Salt Lake City.

The contents of this page were updated on 02.03.2014.