Skip to main content

As achegas ao simposio ILG 2010 analizan nun novo libro o contacto lingüístico entre galego e castelán

De esquerda a dereita, Gabriel Rei-Doval, Ramón Villares, Ernesto González e Henrique Monteagudo
De esquerda a dereita, Gabriel Rei-Doval, Ramón Villares, Ernesto González e Henrique Monteagudo
Presentouse este martes no Consello da Cultura Galega

As contribucións realizadas en 2010 ao Simposio que o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) realiza anualmente conforman os contidos do libro Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias, coeditado polo ILG e o Consello da Cultura Galega (CCG). O novo volume presentárono publicamente este martes 14 no propio CCG o seu presidente, Ramón Villares, o director do ILG, Ernesto González, e Henrique Monteagudo e Gabriel Rei-Doval, editores da publicación xunto con Eva Gugenberger. O propósito deste novo título será ofrecer visións innovadoras sobre o contacto lingüístico galego-castelán e mesmo con outras linguas do contorno máis próximo, máis alá dos paradigmas lingüísticos tradicionais, e presentar estudos sobre este contacto dende outras perspectivas. "Este volume é posible logo de catro décadas de deseño da norma e do estándar da lingua galega", sinalou o profesor da Universidade de Wisconsin e coeditor da publicación Gabriel Rei Doval, "porque tenta aproximarse sen complexos a unha área difusa e na que se producen estas dinámicas de contacto co castelán e co portugués". A presenza do galego no "léxico dispoñible" do castelán de Galicia ou fenómenos tan controvertidos coma o 'castrapo', o neofalantismo, o purismo lingüístico ou a fronteira entre o galego e o portugués son analizados neste volume por diferentes especialistas. Para os editores, "cando se pensa na historia e na situación lingüística actual de Galicia, o prolongado contacto entre o galego e o castelán é unha realidade imposible de ignorar". Os expertos destacaron a fortaleza do galego na convivencia con outras linguas. "Ponse moito acento na influencia do castelán sobre o galego, pero o galego tamén inflúe no castelán", sinalou Henrique Monteagudo, coeditor da publicación e profesor da USC. "É un libro que demostra a madurez dunha comunidade científica", sinalou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, "e que permite un diálogo non moi frecuente", sinalou o presidente do CCG, en alusión á perspectiva máis tradicional de estudar os idiomas coma compartimentos estancos, e non na súa relación cos idiomas do contorno, "pero hoxe podemos dialogar porque o espazo construído é firme e seguro". Unha colección de dez volumes Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega, encadrou o libro dentro da liña de publicacións e traballos desta entidade. "Forma parte dunha serie de dez volumes que vimos coeditando co CCG dende o ano 2002, e en certo xeito, son un balance sobre o que sabemos en diferentes ámbitos relacionados coa lingua a nivel galego e internacional". Na redacción do volume participaron especialistas internacionais como Eva Gugenberger, María Álvarez de la Granja, Belén López Meirama, Dante Lucchesi, Marta Negro Romero, Xosé Afonso Álvarez Pérez, Fernando Ramallo, Gabriel Rei-Doal, Francisco Dubert, Eva Fernández ou Fernando Venâncio. Portada do novo volume coeditado polo Instituto da Lingua Galega e Consello da Cultura Galega

The contents of this page were updated on 01.14.2014.