Skip to main content

A empresa Alibos Galicia, dedicada á elaboración de castaña conxelada, gaña o XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Xosé Mouriño Cuba, Álvaro Rodríguez Eiras, Juan Casares, Carlos del Álamo e Pedro García Herradón, membros do xurado do XIV Premio Aresa, na vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Xosé Mouriño Cuba, Álvaro Rodríguez Eiras, Juan Casares, Carlos del Álamo e Pedro García Herradón, membros do xurado do XIV Premio Aresa, na vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O reitor da USC, Juan Casares, anunciou o fallo do xurado deste galardón, dotado con 10.000 euros. A Facultade de Veterinaria acollerá o 31 de xaneiro o acto de entrega

A empresa radicada en Monterroso Alibos Galicia resultou gañadora da XIV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, tal e como decidiu o xurado na reunión mantida esta mañá na sede da Vicerreitoría do campus de Lugo. O premio, dotado con 10.000 euros, entregarase o vindeiro 31 de xaneiro, no transcurso dunha cerimonia que se celebrará a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Alibos Galicia, presidida por Jesús Quintá García, reúne na súa candidatura as tres características principais para recibir este premio, tal e como se recollía nas bases deste ano, o fomento do emprego, a súa viabilidade e a posta en valor dos produtos da terra. Certamente, os máis de 40 anos de crecemento sostido desta empresa avala a primeira esixencia, o mesmo que fan os 130 postos de traballo que xera en tempada e a posta en valor dun produto tan galego como é a castaña. “Con Alibos, o xurado do Premio Aresa acertou de novo coa súa decisión unánime”, dixo o reitor da USC, Juan Casares, que se referiu a esta empresa como unha “clara aposta que xa é unha realidade por outorgar un valor engadido á castaña e tamén a unha árbore moi significativa en Galicia como é o castiñeiro”. Casares tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, “o mecenas deste galardón, que simboliza o mellor do espírito do empresariado e que contribúe a facer país”. O presidente de Alibos Galicia, Jesús Quintá, destacou que “o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é un recoñecemento importante para un equipo de xente nova que está a traballar con ilusión para sacar adiante este proxecto”. “Este premio xera ilusión, e anima a seguir loitando polo medio rural e polo aproveitamento dos seus froitos. Ademais é un estímulo para a tantas veces esquecida montaña do interior de Galicia”, comentou. Alibos dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente. De feito, procesa en fábrica máis de 6.000 toneladas ao ano, das que 5.000 se destinan ao consumo humano e o resto son para a alimentación de porcos da categoría Selecta de Coren. Cómpre salientar que Alibós exporta máis do 90% da súa produción, que chega aos principais mercados mundiais de Europa, América e Asia, onde os seu produto ten especial boa acollida en China e Xapón. No ano 2010 Alibos comezou o Proxecto Soutos, a través dun convenio firmado coa Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende revalorizar o medio rural galego rentabilizando os soutos, os bosques autóctonos, ao mesmo tempo que se loita co despoboamento rural. A través deste proxecto, Alibos firma un contrato cos propietarios dos soutos para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Nestes tres anos, xa son 225 as hectáreas incluídas nese proxecto, 200 de nova plantación e 25 de recuperación do souto. O proxecto culmina coa creación dun viveiro de castaños para froito e unha empresa, Soutos Sativa, para asesorar desde a preplantación ata a venda de produto final. Tamén está involucrada no proxecto ‘Integra Castanea’, que ten por obxectivo estudar e mellorar a polinización, micorrización e recollida mecanizada de castañas. O xurado da edición número XIV do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural estivo presidido polo Reitor da USC, Juan Casares Long. O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón tamén formaron parte do xurado, para o que nesta ocasión tamén foron convidados José Mouriño Cuba e Carlos del Álamo Jiménez, enxeñeiros nas especialidades agrícola e de montes, respectivamente, con máis de 35 anos de traxectoria no seu sector cada un. Logo de facer público o fallo do xurado e tras a dar a coñecer a candidatura gañadora do XIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, o presidente de Aresa e cofundador deste galardón convocado conxuntamente coa Universidade de Santiago, Álvaro Rodríguez Eiras, salientou que, “todas as candidaturas presentadas son de gran interese para a economía rural galega”. Outras candidaturas A gandeiría Quintián, que comercializa a súa propia marca de leite fresco pasteurizado a través de máquinas expendedoras, e a asociación de criadores de razas autóctonas de Galicia, Boaga, foron dúas das finalistas, ás que se sumaron catro proxectos de investigación: o de creación de empresas de cultivo de Árnica Montana en Galicia para o abastecemento da industria farmacéutica europea, a cargo de Geneaqua, S.L.; o da veterinaria María Aurora Estrada Fernández, co que pretende a identificación animal por ADN como base para que os produtos cárnicos acaden a trazabilidade total, aumentando deste xeito a seguridade alimentaria; o estudo de Marcos Vázquez Marey sobre as casas de labranza galegas, e o proxecto Viñas Atlánticas, un aplicativo web que se concibe como unha ferramenta ideada para combatir enfermidades propias dos viñedos e axudar a optimizar a aplicación de produtos fitosanitarios. Rodríguez Eiras asegurou que “un ano máis queda claro que existe unha gran calidade no nosos emprendedores e que son moitos os proxectos que acadan un aproveitamento das nosos produtos dun xeito exitoso”. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010). A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ . O último premio recaeu sobre a empresa Champivil, unha sociedade familiar fundada en Vilalba e dedicada á elaboración e comercialización dun amplo abano de produtos agroalimentarios.

The contents of this page were updated on 01.02.2014.