Skip to main content

Visita institucional ás instalacións do CITT e demais servizos e laboratorios de investigación emprazados no edificio Cactus

Barreiro, Méndez, Bueno, López e unha investigadora da USC, nos laboratorios do Cactus
Barreiro, Méndez, Bueno, López e unha investigadora da USC, nos laboratorios do Cactus

Os vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno Lema e Andrés Barreiro, respectivamente, participaron este venres nunha visita institucional ás instalacións do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo e tamén visitaron outros dos servizos e laboratorios de investigación emprazados no no edificio Cactus.

A vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez; o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e Luciano Sánchez, de Caixa Rural Galega, todos eles en representación das entidades e institucións que achegan o financiamento que garante a viabilidade económica do CITT da USC, foron os protagonistas desta visita, organizada co gallo da inminente firma da renovación do convenio para o mantemento do CITT cara ao próximo ano, un acto protocolario que se desenvolverá o vindeiro luns na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo. A visita permitiu aos distintos representantes institucionais coñecer de primeira man algúns dos profesionais que están a desenvolver o seu cometido tanto nas propias dependencias do CITT como nalgúns dos laboratorios ou servizos de investigación radicados no Cactus, así como para coñecer algunhas das liñas de investigación nas que se está a traballar ou outros posibles campos nos que tamén se pode actuar ou colaborar.

The contents of this page were updated on 10.24.2014.