Skip to main content

A paisaxe e o territorio como bens de uso comunal centran este xoves a temática dunha xornada divulgativa en Celanova

O catedrático da USC Xerardo Pereira e o investigador Antonio Núñez intervirán como relatores neste foro incluído no ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común

A paisaxe e o territorio como bens de uso comunal centrarán este xoves, día 30 de outubro, unha nova sesión das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’. O catedrático de Historia Antiga da USC Xerardo Pereira Menaut e o investigador e doutorando en Arquitectura e Urbanismo Alberte Núñez Martínez serán os relatores encargados de abordar esta temática nunha dobre sesión, unha matinal dirixida a estudantes de ensino secundario e persoal do IES Celso Emilio Ferreiro e outra aberta ao público en xeral, que se celebrará en quenda de tarde na Casa de Curros Enríquez de Celanova.

A sesión matinal, orientada ao estudantado e ao persoal dos institutos de ensino secundario Celso Emilio Ferreiro de Celanova, desenvolverase a partir das 12.45 horas no salón de actos deste último centro de ensino. O técnico de cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro Feijoo, será o encargado de moderar esta intervención. Xa en quenda de tarde, a Casa de Curros Enríquez de Celanova, acubillará, a partir das 20.00 horas, unha sesión aberta ao público en xeral e que contará como relatores cos mesmos protagonistas. Este foro divulgativo sobre tipoloxía da innovación no sector leiteiro encádrase no marco das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. Este ciclo, que comezou a súa andaina o 24 de setembro percorrerá por 20 concellos galegos nos que, dun ou doutro xeito, deixou a súa pegada o Camiño de Santiago.

The contents of this page were updated on 10.29.2014.