Skip to main content

Un simposio explora este mes en Santiago as múltiples facetas de Víctor Said Armesto

O profesor da USC Carlos Villanueva e o seu equipo de investigación ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia’ prepararon para este ano un amplo programa de actividades que conmemoran o centenario do pasamento do primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914), que destacou ademais pola súa intensa relación coa literatura, a música e a etnografía. A pasada semana presentouse o volume Said Armesto. Una vida de romance, que serve como base documental para o simposio que este xoves 9 comeza no Museo do Pobo Galego de Santiago coordinado polo catedrático Villanueva. A primeira sesión, que continuará o venres 10, explorará a vertente máis política e ideolóxica do intelectual pontevedrés, contando coa participación de Ramón Veiga Alonso, Xosé Luis Barreiro Barreiro e Félix Franco Castro. Xa os días 16 e 17 analizarase o papel de Said Armesto na música e na etnografía nunhas xornadas nas que intervirán o propio Villanueva, José Manuel Pedrosa, Javier Garbayo, Monserrat Capelán, Laura Touriñán, Xosé Manuel González Reboredo, Carlos García Martínez e Xavier Groba. O simposio rematará coa proxección, na tarde do venres 17, do documental de José Antonio Durán ‘Víctor Said Armesto, o resplandor efémero’ e o concerto no Paraninfo da Universidade de canto e piano a cargo de Iria Cuevas e Alejo Amoedo Said Armesto Víctor Said Armesto foi continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático. Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905 –baixo a presidencia de Manuel Murguía– para constituír a Academia Galega.

Xornalista, folklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.), pero esas tendencias e orientacións van refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico.

The contents of this page were updated on 10.08.2014.