Skip to main content

Investigadores da USC e da UTAD sitúan a variedade Caíño Bravo na orixe doutras castes de uva do suroeste galego e de Portugal

Santiago Pereira e Isaura Alberta Oliveira de Castro, na Escola Politécnica Superior
Santiago Pereira e Isaura Alberta Oliveira de Castro, na Escola Politécnica Superior
A investigadora lusa Olveira de Castro guía un seminario na Escola Politécnica Superior de Lugo sobre a avaliación da diversidade xenética de castes autóctonas de vide

A profesora e investigadora do Departamento de Xenética e Biotecnoloxía da Universidade Tras Os Montes Alto Douro (UTAD) Isaura Alberta Oliveira de Castro apunta que a variedade de uva Caíño Bravo, unha caste denominada Amaral en Portugal, está na orixe de distintas castes de vide do suroeste de Galicia e Norte de Portugal.

Oliveira de Castro fixo este apuntamento no marco dun seminario sobre a avaliación da diversidade xenética de castes autóctonas de vides, no que participaron distintos estudantes do máster en Enxeñaría Agronómica na Escola Politécnica Superior de Lugo, onde esta investigadora lusa está a completar unha estadía ao abeiro do programa Iacobus. Oliveira de Castro falou diante dos alumnos de posgrao sobre o emprego de marcadores moleculares como ferramenta acaída para detectar diferenzas e semellanzas entre variedades de distinta denominación. No seu caso, as investigacións desta profesora da UTAD buscan dar resposta ás problemáticas existentes entre as denominacións portuguesas Douro e Vinho Verde, aínda que esta situación tamén se replica con outras moitas castes de vides. No caso de Galicia, Isaura Alberta Oliveira de Castro sinalou que hai variedades como Treixadura que manteñen a mesma denominación en Portugal, aínda que outras castes de uva mudan de nome en función do territorio no que se cultivan. Neste senso, Oliveira de Castro fixo fincapé no caso da Caíño Bravo, unha variedade que segundo apuntou o catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo, presenta baixos niveis de produción, a pesar de tratarse da variedade que deu orixe a outras castes máis estendidas hoxe en día. Estadía no campus de Lugo A visita desta profesora da UTAD á Escola Politécnica Superior de Lugo xurde a partir da conexión existentes coa investigadora da EVEGA Emilia Díaz Losada, coa que o grupo de investigación Agronomía da USC, integrado polos profesores da EPS Santiago Pereira Lorenzo, Belén Díaz Hernández e Benigno Ruiz Nogueira, ademais da tamén doutora Ana María Ramos Cabrer, colaborou no proxecto ‘ Estudo de cultivares galegos de vide mediante microsatélites’. Este proxecto nacional, financiado en 2008 polo Ministerio de Ciencia e Innovación , deu pé á elaboración do catálogo máis completo de castes galegas publicado pola Xunta de Galicia, ao tempo que posibilitou o descubrimento da existencia de dúas liñaxes xenéticas claramente diferenciadas, una no oeste de Galicia co orixe Caíño Bravo no que estaría incluído o Albariño, e outra no leste, co orixe Merenzao (publicado en Annals of Applied Biology 2012).

The contents of this page were updated on 10.13.2014.