Skip to main content

O National Taiwan University Ranking mantén a USC como a oitava de España pola súa produtividade científica

o ránking NTU toma en consideración os datos do Science Citation Index (CSI) e do Social Sciences Citation Index (SSCI)
o ránking NTU toma en consideración os datos do Science Citation Index (CSI) e do Social Sciences Citation Index (SSCI)

A partir da revisión estatística dos artigos científicos, e con especial atención á produtividade científica, impacto e investigación de excelencia, o ránking NTU (National Taiwan University Ranking) sitúa á de Santiago de Compostela no posto 368 de entre todas as universidades con actividade investigadora. A USC repite posición entre as españolas, no posto oitavo, aínda que na listaxe xeral mellora dez posicións dende o lugar 378 acadado en 2013. Para a súa elaboración, o Performance Ranking of Scientific Papers for World Universities 2014 toma como referencia os datos do Science Citation Index (CSI) e do Social Sciences Citation Index (SSCI). Ademais, na elaboración da listaxe empregáronse tres criterios representado en oito indicadores: produtividade da investigación (que representa o 25% do resultado final), impacto científico (35%) e excelencia investigadora (40% da nota final). Ademais da súa posición xeral, a Universidade de Santiago alcanza un resultado destacado no eido da investigación en Matemáticas, situándose á cabeza da produción universitaria española e no posto 57 do mundo neste campo. Do mesmo xeito, en Farmacoloxía e Toxicoloxía a investigación realizada na USC atópase no posto 4 de entre as españolas e no 189 do mundo. Medio ambiente e ecoloxía, quinto posto na listaxe nacional e 259 do mundo; Química, novena entre as institucións españolas e no posto 219 internacional; ou Enxeñaría civil, igualmente novena das universidades de España e 220 de entre as de todo o mundo, completan o cadro de disciplinas científicas nas que a investigación realizada na USC alcanza posicións destacadas. Este ano, como engadido á listaxe xeral, o ránking ofrece información específico de seis campos específicos como son Agricultura (na que a USC ascende ao oitavo posto de todas as españolas), Ciencias Naturais (novena das españolas), Medicina clínica, Enxeñaría, Ciencias da Vida e Ciencias Sociais. Á súa vez, cada un destes campos está articulado nun total de catorce subcampos. Segundo os promotores da listaxe, a énfase posta no rendemento da investigación actual permite que o sistema de indicadores empregado sexa “ máis obxectivo que os indicadores tradicionais como a reputación reflectida por homólogos ou o número de premios Nobel vinculados coa institución, o que tende a favorecer a universidades de longa historia ou a institución de países desenvolvidos”.

The contents of this page were updated on 10.13.2014.