Skip to main content

As universidades galegas asinaron un convenio coa Consellaría para o desenvolvemento dos servizos de apoio á investigación

As universidades galegas asinaron un convenio coa Consellaría para o desenvolvemento dos servizos de apoio á investigación
As universidades galegas asinaron un convenio coa Consellaría para o desenvolvemento dos servizos de apoio á investigación

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, xunto cos da Coruña, Xosé Luís Armesto, e Vigo, Salustiano Mato, asinaron coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un convenio de colaboración polo que a Xunta destinará por primeira vez 3.750.000 euros para o desenvolvemento dos servizos xerais de apoio á investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), en concreto para a contratación de tecnólogos, expertos na xestión da I+D e para o pagamento de taxas de propiedade intelectual, entre outros conceptos. A Consellaría cualifica esta iniciativa de “pioneira en España” na medida en que busca un modelo no que o apoio á investigación se organice como un sistema integral, profesionalizado e unificado. A distribución dos fondos entre as tres universidades faise de acordo a dous módulos de reparto, o primeiro unha parte fixa anual, correspondente ao 30% do total de cada anualidade a repartir entre as tres universidades a partes iguais; e o segundo, dun 70% da contía total de cada anualidade, que se distribúe en función de dous indicadores: os contratos captados no programa de recursos humanos e os fondos captados nos programas de consolidación e emerxentes. Estes indicadores reflicten o volume de recursos de investigación acadados polas universidades galegas nas convocatorias competitivas tanto do Programa de I+D Incite (2006-2010) como do I2C (2011-2015). Ao abeiro destes criterios a Universidade de Santiago de Compostela percibirá 1.740.000 euros, a de Vigo 1.188.750 euros e a da Coruña 821.250 euros. Segundo a consellaría, o obxectivo do convenio é reforzar as accións dos Servizos de Xestión e Apoio á Investigación e ás OTRI das universidades galegas, de xeito que se constitúan nun instrumento ao servizo dos centros, grupos e investigadores do sistema universitario e de investigación en Galicia. Ademais, a administración autonómica busca así propiciar que as universidades coordinen as accións que realicen neste eido, optimizando os recursos que a elas se destinan, tanto no referido ás infraestruturas como ao persoal.

The contents of this page were updated on 10.10.2014.