Un galardón recoñece o compromiso da USC pola saúde, a protección e a posta en valor do medio ambiente

Os membros dos comités organizadores e científicos do V Congreso Galego de Saúde e Medio Ambiente acordaron distinguir á USC cun dos medallóns honoríficos cos que pretende recoñecer ás persoas, entidades e institucións que destacan polo seu compromiso pola saúde, a protección e a posta en valor do medio ambiente.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, recolleu este luns o galardón no transcurso do acto de inauguración do V Congreso Galego de Saúde e Medio Ambiente, un foro científico coordinado por Francisco Peña e que reunirá ata o vindeiro xoves no edificio multiusos da Xunta de Galicia máis de 200 asistentes procedentes de 70 concellos galegos, así como de Asturias e Castela León, e 40 relatores, que abordarán temáticas ligadas coa conservación do medio ambiente, tales como a xestión de residuos, cambio climático, sostibilidade de recursos hídricos, xestión das augas... Javier Bueno, que recibiu o galardón de mans de Francisco Peña, agradeceu esta nova distinción outorgada á USC, “unha universidade pioneria na introdución da temática ambiental e de conservación da natureza na súa oferta académica e comprometida coa posta en valor e coa protección dos recursos naturais”. Logo de lembrar algúns dos títulos de grao e posgrao da USC cuxa temática xira arredor da natureza e dos recursos naturais, Bueno tamén salientou outras prácticas e ferramentas didácticas promovidas pola institución académica compostelá, tales como pode ser o seu Plan de Desenvolvemento Sostible, ou o traballo que se está a facer especialmente desde o campus de Lugo en colaboración con distintas entidades e asociacións da provincia. O programa Life de experiencia piloto sobre o uso da madeira na construción desenvolvido pola USC en colaboración co Concello de Lugo é outra das mostras do compromiso ambiental da institución académica compostelá, que foi unha das doce persoas, entidades e institucións que recibiu este novo recoñecemento no acto de inauguración do V Congreso Galego de Saúde Ambiental, unha cerimonia á que asistiron distintas autoridades políticas locais, provinciais e autonómicas.