Skip to main content

Preséntase no espazo UNE da Libraría Científica do CSIC o libro ‘Esos astrónomos locos por el cielo o la historia de la observación de las estrellas dobles’

De esquerda a dereita, Juan L. Blanco Valdés, Josefina Ling e Javier Gorgas, presidente da Sociedade Española de Astronomía
De esquerda a dereita, Juan L. Blanco Valdés, Josefina Ling e Javier Gorgas, presidente da Sociedade Española de Astronomía

A USC presentará este martes 21 no espazo UNE da Libraría Científica do CSIC o libro ‘Esos astrónomos locos por el cielo o la historia de la observación de las estrellas dobles’. Na presentación intervirán o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco; a tradutora da obra, a profesora Josefina Ling; e o presidente da Sociedad Española de Astronomía, Javier Gorgas. O volume é unha tradución ao castelán do libro de Paul Couteau editada polo Servizo de Publicacións da USC que, como explica a autora desta tradución, presta atención a persoas que teñen consagrado “a súa vida, e a miúdo a súa fortuna, á investigación e ao estudo das estrelas dobres, uns enigmáticos sistemas estelares que se dedican a xogar ao escondite mentres danzan un vals misterioso”. Dende sir William Herschel, organista e xenial astrónomo que propuxo nos albores do século XIX a distribución do Universo en galaxias, ata os actuais equipos internacionais de investigación dotados dos maiores telescopios, todos teñen buscado coa mesma paixón e máis alá do mero espectáculo “o segredo da alquimia estelar e os medios para derribar o muro que aprisiona o noso coñecemento”, explica a profesora Ling. Paul Couteau está considerado unha das máximas autoridades na materia. Descubridor de máis de 2.700 estrelas binarias, foi director do Centro Europeo de Estrelas Dobres (Observatorio de Niza) durante máis de 40 anos, presidente da Comisión 26 da Unión Astronómica Internacional e autor de numerosos libros de astronomía. A pesar dos 25 anos transcorridos dende a edición orixinal francesa, a obra agora traducida pola docente da USC “ no perdeu a súa vixencia, xa que a historia nunca morre e a atracción que aínda suscita, foi entre outras unha das razóns para ofrecer aos lectores de fala hispana a súa transcrición”. Nesta versión, e a suxerencia de Paul Couteau, incluíuse un último capítulo de actualización escrito pola propia tradutora. Cuberto da obra

The contents of this page were updated on 10.21.2014.